Anque soe a tópico, o certo é que unhas das cousas que máis me sorprendeu o curso pasado, cando impartía docencia de lingua e literatura españolas a grupos de adolescentes, foi a súa absoluta indiferencia e impermeabilidade á beleza dos textos, e iso malia que me esforcei non pouco en buscarlles cousas que puideran resultarlles atractivas. Quizaves a culpa sexa propia, e o meu criterio estético excesivamente alonxado do deles; porén, non podo deixar de facer comparanzas co meu caso propio, á súa idade...
É que anque vos resulte sorprendente, o FraVernero de 15-16 anos, non tiña ningunha simpatía ou interese especial pola literatura. De certo, gustábame moito ler, e xa me ía inclinando cara as humanidades, anque levado ao rego polo bo facer da Historia e da Mitoloxía. Aínda máis: a miña fobia insobornábel pola gramática e a análise sintáctica, que aínda perdura, conpiraban para alonxarme de calquer materia que tivese que ver co traballo das palabras.
Foi naquel brumento curso de 2º de B.U.P. cando comecei a encariñarme coa linguaxe (literaria), e unha parte non menor da miña conversión agóchase nos textos que líamos nas aulas. Lembro con especial cariño os romances, un formato poético moi pegadizo, eufónico o e sinxelo, e unha fotocopia na que aparecían unha presada deles. En menos dun ano estaría lendo un par de libros deles.
O libro de texto tamén contaba cunha presada de anacos e poemas moi ben seleccionados; mais deles falaremos noutra ocasión.