Imaxino que para a maioría dos lectores ou espectadores de Game of Thrones, a personaxe máis querida e aprezada é a de Tyrion Lannister, soberbiamente transladado á pantalla por Peter Dinklage. Poida que me equivoque: tal unha xeladería, hai abondosa variedade a escoller e de figuras coas que empatizar na saga de George R.R. Martin: Daenerys ou Arya, por exemplo, para mulleres empoderadas; calquera dos Starks, anque especialmente Jon para os que gustan do heroe nobre, un chisco gótico e atormentado; incluso unha translación nerdy dos lectores na figura de Samwell Tarly. Porén, un que suscita moi pouco amor, é unha mágoa, sen dúbida é o eunuco e mestre dos rumoreos: Varys, a araña.
Os castrados teñen mala fama, e soe ocupar moi frecuentemente o papel de viláns, tanto en obras de fantasía coma nos textos históricos dos mandaríns chineses, onde os funcionarios confuciáns verquen todo o fel, desprezo e pezoña que poden encol dos desafortunados capóns, aos que lles envexan amais o poder que exerceron sobre algúns emperadores. Como noutros casos (pensemos nas narracións de Suetonio e Tácito, tan parciais a prol da élite senatorial), é unha narración interesada e clasista que ignora a medida en que moitos destes pobres mutilados exerceron funcións políticas de alto nivel e con enorme desinterese persoal e altruista. E o maior e mellor historiador de tódolos tempos, Sima Qian tivo que pasar, por motivos inxustos, a súa masculinidade polo gume do coitelo.
Voltando a Westeros, Varys amosou de xeito reteirado ser unha das persoas máis íntegras das que circundan o Trono de Ferro, e das máis preocupadas polo benestar do reino e das súas xentes. Agardo con impaciencia velo de novo, dentro duns meses, encarnado na gran laboura actoral de Conleth Hill, e man a man co meu anano favorito. Namentras, ergo a copa nun brinde pola restauración Targaryen e as historias que ha traer no seu remol.