Poucas verbas suscitan maior rexeitamento e suspicacia no mantedor que a de 'vocación'. Unha parte seguramente se deba ás súas asociacións relixiosas, anque unha parte maior se debe ao emprego interesado e torticero que se soe facer do termo: co gallo de que algunhas profesións teñen supostamente caracter vocacional, algúns non se cansan de pontificar que en tal caso, un debe estar contento de facelas cobrando a metade de soldo e traballando o dobre de horas, coma se o traballo fose unha labor misional ou unha especie de hobby; e non o é: eu no meu tempo libre adícome a ler libros (e ás veces, a comer xeados), e desafortunadamente, aínda non cavilei no xeito da conseguir que me paguen por calquera desas dúas cousas*. Cando se fala da docencia estes abusos do termo fanse aínda máis sangrantes e por iso, tal Goebbels, cada vez que escoito o palabro infausto boto man de xeito inconsciente cara unha imaxinaria pistola.
Vaia por diante que eu pásoo moi ben no meu traballo, e que como calquera persoa de ben, tento levalo adiante do mellor xeito posíbel (mais iso chámase con outros termos: profesionalidade, seriedade, bo-facer, autoestima, dignidade e respecto cara un e cara os demais); o que non quita que se me deixasen de pagar por el ou empeorasen sustancialmente as súas condicións, buscaría adicarme a outra cousa. E o que tampouco quita que seguramente habería traballos nos que disfrutaría máis, globalmente (e moitos outros nos que disfrutaría moitísimo menos, ou nada).
Porén, do que quería falarvos de verdade é do carácter evanescente, impreciso, azaroso dos intereses académico-laborais que nos levan a escoller unha posíbel profesión fronte a outras, e que tamén constitúen a 'vocación' nun sentido máis laxo. Co paso dos anos voume dando conta do abismo que medra entre o que pensas que che gusta e o que, cando te ves no allo, realmente che gusta facer.
Parte da culpa dos problemas neste terreo é que como adolescentes inmaduros temos que facer escollas académicas que abren e pechan portas de xeito case definitivo. A falla de guías claras, o máis probábel é que vaias percorrendo un camiño a base de afinidades e antipatías nas materias do bacharelato; no meu caso, con 13 ou 14 anos tiña clarísimo que adoraba unha disciplina académica por riba de todas (a Clío -non a cadela, senón a Historia con maiúsculas) e que pensaba gañarme a vida dun xeito ou doutro con ela; felizmente ignorante dos traballos reais (se teñen sorte) nos que soen caer a maioría dos seus licenciados, ignoraba tamén a miña habelencia ou interese para facelos -pero é que un dos moitos vicios e parvoices da adolescencia é pensar que es especial e moito máis listo do que verdadeiramente es, e que as regras, limitacións e probabilidades que pairan sobre os demais non foron feitas para tí.
Do mesmo xeito que vía prístina e brillante a senda do historiador, non se me pasaba nen remotamente pola cachola que puidese rematar dando aulas de inglés - e disfrutándoo. Para o caso no que agora me movo, nen sequera sabía qué era iso dunha 'Escola Oficial de Idiomas' ata que comecei a traballar nunha.
É que Deus sí que xoga aos dados, e debe disfrutar do xogo coma un anano. Noutras entradas quizaves vos debulle o auxe e caída das miñas sucesivas vocacións, e de cómo fun descubrindo os adoquíns debaixo de cadanseu espellismo da praia paradisíaca...
*Acéptanse suxerencias e propostas laborais ao respecto!