Para o pasado febreiro adoptei o reto lector correspondente a "un libro dun xénero que nunca leras". Tal tarefa antollábaseme moi difícil, xa que hai poucos xéneros dos que non teña probado algo; logo de moito cavilar, decidín probar con sub-xéneros: a ciencia ficción, que me interesa moito académicamente, pero que me ten gorentado pouco estéticamente, era un terreo axeitado para explorar, xa que nela só teño lido cousas moi concentradas no Cyberpunk dos 80 e de William Gibson, e algunhas outras pezas e autores soltos (Spinrad, Wells). Resulta que non lera nada da chamada 'Época Dourada' do xénero (o periodo entre finais dos trinta e finais dos 50 nos que o xénero tornou popular, con autores coma Asimov, Bradbury, Heinlein e van Vogt). Xa que tiña na casa unha boa edición da Triloxía da Fundación, de Isaac Asimov, a iso me adiquei nas últimas semanas. Entre as tres novelas suman unhas seiscentas páxinas, o que axuda a explicar a tardanza da reseña.
As novelas glosan o acontecer da Fundación, unha comunidade creada polo 'psicomatemático' Hari Seldon nos bordes exteriores da Galaxia en previsión do inminente derrumbe do Imperio Galáctico que a mantén unida e que segundo os cálculos do sabio, pode dar lugar a un periodo de caos de 10000 anos ou (de facerse ben as cousas), a un interregno de tan só 1000. Percorremos nestas páxinas os primeiros e decisivos séculos da súa Fundación e os cambios drásticos que ésta experimenta para sobrevivir, prosperar e tentar acadar a súa teleolóxica meta final.
As obras son bastante entretidas e están ben fiadas, con saltos e sorpresas que deleitarán ao lector; porén, tamén é certo que se lle notan moito as 'características da época': sobretodo unha visión moi americanizante das cousas, un certo regusto 'pulp' e 'Flash Gordon' na maioría dos malos e unha notoria pobreza descriptiva e ambiental, sacrificada nunha acción electrizante, iso sí, pero á que non lle vería mal un pouco de inmersión nos mundos que nos ocupan.