Recén (bi)licenciado, o mantedor navegaba nos primeiros días de novembro polo mundo post-ensinanza regrada, buscando ás apalpadelas a terra firme dun posto de traballo na docencia de historia e na educación secundaria. A tal fín apuntárase a unha academia e comezaba a debullar temas e a deseñar programacións.
Porén, os lazos do pasado aínda seguían fortes, reforzados polo acudir a Compostela para as sesións da academia; logo aproveitaba para ver aos amigos (e á Doncela de Xenxibre) e proseguir coas rutinas culturais herdadas, algo dificultadas pola ausencia de moitos compañeiros de viaxe. Leo que Mr. Pet xantaba comigo, e nunha inversión de reloxo de area, tócalle agora lidiar por primeira volta cos hercúleos traballos dos exames públicos.
Relendo ao eu do pasado, chámanme a atención (e contúrbanme non pouco) as miñas 'entradas políticas': malia que xa me consideraba daquela un posmarxista confuso, o certo é que se transluce moi pouco nos ditirambos que lle cantaba ao modelo bolivariano, ou aos ecos da Revolución de Outubro. Seguindo unha certa lei do péndulo, o Vernero daquela ficaría pampo ante moitas das cavilacións e simpatías do Vernero de agora, máis própias da 'Cova Céltiga' coa que se xuntaba a comezos do segundo milenio (a alma kármica de Vicente Risco presente), mais tamén o Zacarías pasara do Báltico ao Mediterráneo, de profesor luterano a poverello de Asís.
Maior continuidade albisco no meu descubrimento dos videos de youtube, que de seren un anexo marxinal pasaron a día de hoxe ao case exclusivo produto audio-visual que consumo, a anos luz do televexo ou dos cinemas; as canles ás que estou suscrito (PBS Spacetime, Numberphile, Vsauce, Mathologer, NativLang, Tibees, Lyndybeige, Geoff Cooper, Welch Labs, Socratica, serpentza, bowlesrek...) rubiron exponencialmente nos últimos tempos, e son tantas e tan variadas -matemáticas, línguas, física, contidos educativos, museos, humor- que só listalas (xa non digamos manterme ao día de todas) comeza a semellar labor non menos senlleira que a de superar oposicións...