terça-feira, dezembro 31, 2019

Libros do Mes


Pacioli de Gustavo Piñeiro

The Science of Discworld III – Darwin’s Watch de Ian Stewart / Terry Pratchett / Jack Cohen

Logic, A Very Short Introduction de Graham Priest [E]

Se o vello Simbad volvese ás illas de Álvaro Cunqueiro

A Hundred and Seventy Chinese Poems de Arthur Waley [E]

*Zuo Tradition, volume one de Stephen Durrant et al.

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

*The Foundations of Mathematics de Ian Stewart e David Hall

segunda-feira, dezembro 30, 2019

O Vernero que foi - Decembro '08

As vacacións de Nadal non soen prolongarse máis alá das  dúas semanas; porén, un sempre ten a falsa sensación, e planifica unha cantidade imposíbel de lecturas e traballo para o tempo en cuestión. Antigamente, cando estudaba, esta planificación non era tan absurda, xa que era que de adicar oito horas diarias (ou máis!) á lectura.

No Nadal do 2008 plantexábame a lectura de nove libros, e bastante grosos ademais. En xeral penso que aquel esforzo veuse coroado polo éxito, pero tamén se me plantexa outra incógnita, que é unha das razón tamén polas que agora levo unha listaxe das miñas lecturas mensuais: en qué medida os libros que leo acaban deixando pegada en mín? Qué lembro da súa lectura anos despois de tela realizado? Fagamos, pois, un percorrido por esta enéada de papel impreso:

Fiction 2000, Cyberpunk and the future of Narrative de George Slusser and Tom Shippey: é un dos que conseguín completar nas vacacións. Lembro a súa portada (un Frankenstein pixelado) e moi pouco dos seus contidos, que eran unha colectánea de reflexións académicas sobre o xénero literario cyberpunk. Non son consciente de ningunha influencia reseñábel del no meu pensamento, agás da medida en que contribúa aos humus compartido das miñas ideas sobre o xénero.

Cyberspace, cyberbodies, cyberpunk de Mike Featherstone e Roger Burrows: non me lembro de nada; penso que sí o lín, e que había de afondar en cuestións de corpos híbridos e outras teimas posmodernas que me chistan pouco.

Cyberspace, first steps de Michael Benedikt: lido; anque se trataba dun dos 'clásicos' e primeiros estudos teóricos do ciberespazo, o máis que lembro é que fora unha lectura tremendamente aburrida, con moitos dos seus artigos enfocados a cuestións técnicas de programación.

The Virtual Community de Howard Rheingold: éste era un libro en plan 'abuelo cebolleta' en que o seu autor, que fora un dos primeiros en ocuparse das comunidades virtuais, contaba as súas experiencias. Lido, e dos que levamos falado é do que máis me lembro -estaba bastante ben escrito e era moi lexíbel. Entre as cousas das que falaba estaban os MUDs, cousas ben retro nas que o mantedor ten gastado tempo considerábel.

Prosthetic Territories, Politics and Hypertechnologies de Gabriel Brahm Jr. e Mark Driscoll: o mesmo que da colectánea de Featherstone; penso que o lín, pero non lembro nada, e a día de hoxe, o seu discurso encol da corporeidade posmoderna habíame chistar moi pouco ou nada.

How we became Posthuman de N. Katherine Hayles: deste xa non estou seguro de que o lese, e tampouco lembro nada. 

La vida en la pantalla de Sherry Turkle: Lido, penso; o mesmo que dicía sobre o anterior.

Escenarios del caos de Anxo Abuín: Lido; lembro bastantes cousas, anque era un libro moi episódico, con pequenos capítulos de 2-3 páxinas sobre temas/teimas diversas; porén, parte da razón de que a memoria funcione con este é que as aulas de Anxo tocaban moitos destes paus (cousas de Laurie Anderson, de performance, de literatura electrónica e aleatoria, etc...).

Sexual Dissidence de Jonathan Dollimore: deste lembro ben que non tiven tempo a miralo.

Como vedes, 'Leí mucho, no recuerdo nada', coma dicía Panero. Anque parte da culpa tena o feito de que eran lecturas 'mercenarias' e académicas para o máster, empatizando moi pouco cos meus intereses e curiosidades máis sentidas.

quarta-feira, dezembro 25, 2019

O Vernero que foi - Novembro '08

Ollando para as entradas do decimoprimeiro mes do 2008, véxoas moi coloreadas polas lecturas e traballos do máster de Teoría da Literatura co que pelexaba naqueles días. Non comezara aínda o meu costume de  anotar as lecturas mensuais, mais seguindo o novelo das verbas idas, é obvio que me relambía cunha das pequenas tartas de nata de Jorge Luis Borges (concretamente, Otras Inquisiciones nunha edición pequeniña de Alianza decorada con esceas de Brueghel). Relía o Criticón de Gracián (que xa debe de ir pola terceira volta a estas alturas) e un estudo encol da 'Arte do Século 20' en dous volumes que me agasallaran os Comparatistas polo meu natalicio e que lembro coma lectura agridoce, bon correlato dos textos filosóficos posmodernos discutíamos con paixón; en ámbolos dous casos esforzábame eu por empatizar (en parte por modestia, en parte por un exercicio de abrir a mente) con teses antagónicas ás miñas, uns esforzos aos que xa vai tempo que renunciei; o soterrado conservadurismo que medra cos nosos anos facilita que me sinta cómodo a día de hoxe ignorando os postulados intelectuais e estéticos do que pasaba por arte no que xa é o século pasado. 

Moi enfocados cara a cibercultura estaban o Hipertexto de Landow (reseñado na entrada do 9/11) e La narración como realidad virtual de Marie Laurie Ryan. Das promesas vangardistas do primeiro (unhareiteración don lugar común da forma 'tal innovación tecnolóxica / moda literaria é o correlato exacto de tal moda intelectual') poderíase dicir hoxe o mesmo que Cervantes daquel bravucón que aparece no seu "Al túmulo del rey Felipe II en Sevilla":

"Y luego, incontinente,
caló el chapeo, requirió la espada,
miró al soslayo, fuese, y no hubo nada".

Do libro de Ryan creo lembrar unha portada de cores algo psicodélicos coma de cóctel tropical; alén do anecdótico, creo lembrar que foi a lectura máis interesante e formativa destes textos pra cursos, introducíndome aos temas/teimas e conflitos de ludólogos e narrativistas e da literatura como xogo e/ou inmersión. As súas ideas sobre o cinema interactivo, a partires da experimental 'I'm your man' déronme o ponto de partida para unha ponencia sobre o cinema hipertextual de Peter Greenaway que no seu día levei á Cidade Condal e que durme o sono dos xustos agardando un outro día en que pula e poña por escrito aquelas notas e as publique decentemente nun artigo. Deixáronme tamén as páxinas de Ryan unha lectura pendente do novelista Neil Stephenson (do que xa disfrutara da quijotesca e postcyberpunkarra Snow Crash), The Diamond Age, ou o soño dun libro interactivo e inmersivo, que agardo por fin poder levar a bo porto no 2020. É Stephenson escritor curioso que merecería unha entrada, e ten a habelencia de sempre ir tocando paus que por absoluta e non premeditada coincidencia conectan con vezos e intereses en diferentes intres da miña. Por exemplo, cos intereses matemático-filosóficos do meu presente habíame gorentar a súa Anathema máis do que calquer outra lectura. Veremos se topo o tempo de probar con as dúas...

segunda-feira, dezembro 09, 2019

quinta-feira, dezembro 05, 2019

O son da buxaina

Co gallo do "Día do Peón" que a Rede Galega do Xogo Tradicional Brinquedia leva organizando dende van 15 anos, e de celebrarse desta volta o seu acto central en Outes, o Concello solicitoume un manifesto que procedimos a ler hoxe á mañá, ao terse adiado ata agora o tal acto por mor do mal tempo. Velaí vos vai:

Dicía o poeta romano Ovidio que ‘Todo cambia, para nada desaparece de todo’. Dicíao, amais, en latín, e aplicada á mesma língua, ben certo vemos a súa verdade no galego que estamos a falar, que é un latín que cambiou pero non desapareceu de todo. É frase tamén moi acaída coma un introito á hora de falar dos xogos tradicionais (sinaladamente, do trompo) e daquel tempo das nosas mocidades onde reinaba supremo nos intres de ocio de de lecer, xenerosamente escoltado polas bolichas, as chapas, a chave ou os primeiros álbumes de cromos.

Mais antes de perdernos nas avenidas da memoria, convén que fagamos unha reviravolta de buxaina encol da nosa atitude cara as tradicións do pasado na época do presente. É o sino dos nosos tempos -alomenos dende a Ilustración - o de fitar sempre para adiante, a de valorar e prestixiar a novidade e o moderno polo seu carácter do inédito, e ás veces do lonxano e do exótico. Isto (en contradición co fetichismo do pasado da maior parte das xeracións que nos precederon) non tería que ser malo de por sí, mais coma tódalas cousas levadas a exceso, fai que perdamos de valorar toda a arca de saberes, tesouros e riquezas que nos legaron os devanceiros e unha tradición da que aínda somos membros, querendo ou sen querer. As tradicións, as costumes, os xogos tradicionais son un elo, unha práctica cultural de primeirísima orde, parte dun patrimonio inmaterial que só vive (e pervive) cun acordo renovado dos novos, coa perpetua renovación das xeracións, nunha reviravolta menos cósmica e permanente que os movementos dos astros ou as estacións, mais por iso mesmo tanto máis valiosa ao nacer do consenso e da vontade humanas de facer cousas e de manter prácticas que nos identifican coa xentes que habitaron noutro  tempo o noso espazo.

Vivimos, xa que logo, tempos de aceleración e de cambio permanentes, ata tal punto que o que nos resulta estraño a día de hoxe é concibir un futuro próximo onde non empreguemos tecnoloxías totalmente diferentes ás de agora. Volvendo atrás aos anos 80 do século pasado, a revolución ía paseniñamente conquistando os lugares remotos e rurais do país, ma non troppo. Aqueles habitantes de Outes que comezaban daquela a escolarización básica (e o ensino en galego!) vivían nun mundo no que o alumbrado e o saneamento ía entrando na aldea, e un mundo de consumo e de xogos moi modesto dende a perspectiva do presente: os chicles, por exemplos, só contaban con dous sabores (amorodo e menta), e unha larpeirada máis modesta eran os caramelos acartonados de Nata (a peseta a unidade). Nos recreos e nas tardes desa década, o novum dos televisores e videoconsolas (éstas últimas patrimonio só de privilexiados curmáns urbanitas) convivía cos tirabogas e os castelos de carozos, a pita cega ou o salto á comba. Era de certo unha sociedade máis pobre materialmente que a nosa, mais tamén máis rebulideira: había moita máis rapazada, e os nosos xogos tiñan unha compoñente social e colectiva, e dende logo, máis sana e deportiva. ¡Boas sudadeiras nos gastábamos!


Non se trata, porén, de idealizar o pasado e denigrar o presente. A xente segue sendo xente, os nenos seguirán sendo nenos, e coma dicía Ovidio, as cousas que se perden saen de novo a superficie transmutadas, metamorfoseadas, pero novamente vivas; mais moito se perde no camiño se se tronza a continuidade coas tradicións. Porque non desexamos que éstas existan coma pezas de museo, libros ou documentais etnográficos que soterrar baixo os grosos muros de Santo Domingo de Bonaval, a seren explorados de cando en cando por turistas ou escolares en visita a Compostela. Porque  na súa modesta carne de madeira, metal e corda, a danza xiróvaga da estornela arrastra consigo o que fumos, o que somos e o que seremos. Nunha época en que a UNESCO incluiu os muros de pedra seca na súa listaxe de Patrimonio Inmaterial; na que as tradicións galegas do Samaín recuncan e recuperan terreo fronte ao globalizado Halloween anglosaxón; nun tempo en que os Composteláns andan a recuperar os taboleiros de tres en raia (167 descubertos nas laxes e adros de igrexas da capital), tanto ou máis importante é que os trompos non deixen de xirar. Os castros ficaron abandonados, e as línguas castrexas esquencidas. Non se diga que non aprendemos as leccións de historia, e hoxe, mañá e sempre, transmitámoslle ás novas xeracións a beleza e o aprezo por un xogo e por un pasado que nos fan mellores e máis ricos, e que constitúen un punto de apoio do que somos cuxo centro de gravidade, retrouso do da buxaina, nunca cae. ¡¡Trompos ao camiño, e que nunca deixen de danzar!!