sexta-feira, janeiro 31, 2020

Libros do Mes


Spectacles of Death de Donald G. Kyle [E]

Zuo Tradition, volume one de Stephen Durrant et al.

Zuo Tradition, volume two de Stephen Durrant et al.

*Zuo Tradition, volume three de Stephen Durrant et al.

* The Dream Cycle of H. P. Lovecraft de H. P. Lovecraft [E]

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

quinta-feira, janeiro 30, 2020

O Vernero que foi - Xaneiro '09

Comezaba o 2009 un pouco coma rematara o ano anterior: adicando as vacacións de Nadal a múltiples lecturas e traballos para o máster no que estaba a choiar. Repasando o correo electrónico, vexo dúas presentacións que debín de facer para Cultura de Masas: unha do xogo de computador Civilization III e outra sobre o carácter multimedial da saga do Mundodisco, de Terry Pratchett.

Do máster recibía unha pequena bolsa da consellería (convertida en máis pequena de xeito práctico cando descubrín que non cubría os custes de matrícula), e por estes días comezaba a complementala cos cartiños alemáns que me chegaban pola organización do congreso Urbes Europaeae que ía ter lugar na primavera en Santiago, co que como vedes, tempo non me sobraba. Outra fronte de ingresos e de escrita estaba a comezar, xa que foi en xaneiro do 2009 cando Ramón Blanco botou a andar o suplemento cultural Artes + Letras Galicia do ABC onde tantas reseñas e artigos había de redactar no seguinte par de anos.

Vendo as entradas, o que máis me chama a atención (alén do moito que escribía) é a interesante cita do libro de Anxo Abuín que lín daquela: a cidade posmoderna coma un ente amorfo, desdibuxado e teatro de simulacións, moi na liña dos meus intereses académicos daquela e de agora.

segunda-feira, janeiro 27, 2020

The Quiet Historian

Uns días atrás, cando estaba facendo trámites en Compostela, tiven a oportunidade de toparme cun dos meus vellos profesores, o señorial e moi sapiente Domingo González-Lopo, e de intercambiar unhas breves palabras con el. Vinte anos non pasaron en balde nen para os dous; porén, segue a brillar no profesor a súa delicadeza, amabilidade e tranquilidade beatífica propias dun kuroi arcaico. Dúas décadas despois aínda lembro a súa docencia con agarimo, sinaladamente a primeira desas sesións, cun bisoño FraVernero enfeitizado aínda pola incorporación á Universidade e pola mole pétrea, solemne e anterga da Facultade. Medio anicado nas incómodas (decimonónicas?) bancadas da aula 8, escoitaba con ledicia aquela primeira clase maxistral do profesor Lopo na que nos daba emotiva benvida á institución académica e que comezou cunhas verbas tal que así: 

Como me dijo un profesor cuando comencé la Universidad, yo os digo a vosotros "Bienvenidos a la Universidad".

A calidez pedagóxica e humana do profesor Lopo facía algo máis palatábel a (para os meus gustos) ingrata materia que lle tocaba impartir: a Introdución á Historia Social e Económica; en poucos meses había recoñecer que tal era o hobby-horse que entretiña e marcaba co seu carimbo a tódolos modernistas da Facultade, seguidores de Don Antonio Eiras e amantes da demografía e a Escola dos Annales. O mérito, digo, do profesor Lopo estribaba en facer soportábel o tema, con anécdotas e pequenos xestos como de levarnos, nun dos derradeiros días, ao Arquivo da Catedral para ver os documentos da historia in situ. Esa súa calma impasíbel e o gusto polos abrigos negros e longos, xunto co apelido de resonancias taratinescas ("Son o señor Lobo; soluciono problemas") facía cavilar ao meu malevo maxín, que imaxinaba ao profesor recreando esceas máis propias de Matrix e de Pulp Fiction, entrando na aula con longo gabán, murmurando polo baixo "Son Lopo" e sacando das adentras un par de ametralladoras para, coa mesma face imperturbábel, poñerse a disparar por riba das cabezas dos malpocados estudantes.

Novamente, dicíavos, puiden parolar un chisco con el; lembrábase de mín (non penso que eu teña memoria tan boa para lembrar nun futuro a alumnos meus vinte anos despois!) e fixo algunhas inquisicións e os comentarios de rigor encol do pouco formados que chegan hoxe os discentes á Santa Casa na que me aleda saber que segue a impartir docencia, cariátide educativa que enaltece os seus muros mellor que as estatuas de Lope Gómez de Marzoa, Juan de Ulloa, Álvaro de Cadaval e o conde de Monterrey no alto da entrada. E coma eles, que sexa por moitos anos máis.

terça-feira, janeiro 07, 2020