Os días marzais deste ano asisten a un andazo epidemiolóxico que difícilmente se podía albiscar non xa no lonxano 2009, senón tan só uns cantos meses atrás, agás nas novelas de William Gibson (a primeira dunha nova xeira, The Peripheral, ten lugar no remol dunha misteriosa catástrofe sanitaria e medio-ambiental alcumada 'The Jackpot' que elimina á grande maioría da poboación humana; nuns días conto con recibir a continuación, que se publicou no último Xaneiro). Once anos atrás o que me desacougaba era a catástrofe política da derrota do bipartito; malia o insatisfeito que estaba coas súas reformas e xestións, non por iso deixaba de ser un xuízo negativo sobre unha xeración (a miña) e unha lousa sobre as súas esperanzas e expectativas de futuro.
A autocrítica pairaba sobre a bitácora, anque lendo as súas entradas penso que faltaba unha pouca máis cara os meus propios esquemas de pensamento. Inxenua (e erróneamente) botáballe a culpa do afundimento á moderación de Anxo Quintana e puña esperanzas (moi traizoadas, por certo) en Xosé Manuel Beiras, cando monsieur Beiras era alguén. Ao tempo, e anque fose con ironía, seguía enguedellado intelectualmente nas redes dun posmarxismo estéril con algúns ribetes posmodernos. A día de hoxe, o pouco que aprezo do horizonte mental do FraVernero daquela é unha certa flexibilidade crítica e predisposta a escoitar as razóns dos Outros, anque os seus grolos fosen amarges e irascíbeis coma os do whisky. Porque vivir na incerteza (tamén a intelectual) é unha tortura de gota fría para unha persoa coma mín, de predisposición dogmática e teolóxica, mais parece un sino imposíbel de fuxir dos tempos posmodernos. Leo recementemente na Historia da Literatura Grega de Albin Lesky unha defensa da sofística, por mín sempre deostada (é o meu insulto favorito para os pensadores posmodernos e post-estructuralistas), e que sería unha sorte de precursora da Ilustración da Europa dezaoitesca. Porén, os relativistas do presente (e os do pasado, alomenos tal coma os pintaba Platón) só parecen habelenciosos nas demolicións intelectuais, e non nas arquitecturas constructivas.