Lendo varios textos encol das traducións da poesía Tang ao inglés, adéntrome no mundo fascinante das mediacións interculturais que todo intento de verquer a excelencia estética dun sistema literario a outro implica. Anque sexa de sentido común que a tradución, por moito que o intente, sempre crea un texto novo que fracasará ou triunfará dependendo de condicións extrínsecas ao orixinal (habelencia do tradutor, maior ou menor facilidade de verquido á nova língua polas características do poema e a súa linguaxe, encaixe nos gustos, modas e sensibilidades estéticas da comunidade da língua receptora...), non deixa de resultar curioso ver isto na práctica, e ver cómo afecta ao canon literario e á orde de apreciación dos autores na língua orixinal.
Por un lado, os autores máis radicalmente centrais e canonizados en China da dinastía Tang (que serían, probábelmente nesta orde, os poetas Du Fu, Li Bai e Wang Wei) soen manter as súa posicións de preminencia en traducións inglesas (tanto en libros monográficos como en antoloxías inglesas); alén da súa calidade intrínseca, é o prestixio máximo do que gozan o que seguramente lles garanta esas posicións, pensen o que pensen os traductores (e temos casos sinalados de rexeitamento persoal: Arthur Waley non gustaba nada dos versos e da figura de Li Bai). Mais saíndo dos primeiros chanzos, a situación xa varía moito: topamos a autores bastante valorados na língua A que resultan máis valorados na língua B (Bai Juyi por exemplo, polo seu estilo e linguaxe relativamente sinxelas, e do que se soe dicir que sufre menos na translatio que outros autores máis gongorinos); autores relativamente pouco valorados na língua A e moi valorados na língua B (é o caso de Li He, cuxa poesía completa conta con 2 traducións á língua de Shakespeare, e cuxo emprego de imaxinería do sobrenatural e valores pouco ortodoxos o marxinan do canon chinés; nunha medida un pouco menor, tamén é o caso de Meng Jiao); e -o máis sorprendente, e quizaves merecedor do maior comentario- autores pouco ou nada valorados en língua A e moi valorados na língua B. Este é o caso da colección de poemas de Han Shan: pola súa escrita en vernáculo, temática budista e linguaxe 'tosca', a literatura chinesa relégaos tan só a prensencia en antoloxías comprensivas (coma Quan Tangshi, que inclúe a totalidade dos poemas conservados da dinastía, arredor de 50,000!). As razóns do seu éxito en occidente incluirían a minimización/obliteración das diferenzas no verquido, a sorte de topar bos tradutores que 'melloren' o texto, a adaptabilidade dos versos para a traducción pola relativa sinxeleza, e a conexión espiritual do seu contido con preconceitos sobre o 'Pensamento Oriental' e a cultura New Age dos anos 60.