sexta-feira, julho 30, 2021
Libros do Mes
quarta-feira, julho 21, 2021
Making progress - Unit 5
Cando estaba a estudar durante o curso a asignatura de Lenguaje Matemático, o certo é que fiquei atascado no tema que agora sí tiven oportunidade de rematar: o número 5, adicado ás propiedades dos números naturais e dos números enteiros. A raíz do problema non foi que as ditas propiedades fosen moi difíciles de entender, senón no feito de que as demostracións de que ditas propiedades son certas sí que eran complexas e enrevesadas de narices, e comíanse pasos 'obvios' para o escritor que non o eran para mín. En xeral, é o maior problema que lle vexo ao libro de texto de Miguel Delgado e María José Muñoz: o manual en sí está bastante ben, pero cando recurre a demostracións e a exemplos, non se detallan tódolos pasos necesarios; tendo en conta que falamos dun manual de primeiro de carreira, é algo que deberan ter coidado máis (anque sempre cabe a oportunidade de que simplemente o que vos escrebe estas liñas sexa particularme obtuso).
Por suposto, un pode ignorar as demostracións e asumir (e estudar!) as proposicións e teoremas como verdadeiros se do que se trata é de aprobar un exame, pero se queres realmente entender a materia, necesitas poder seguir os argumentos demostrativos; amais, as matemáticas veñen a ser un chisco como construír unha impresionante torre ou escaleira de caracol nun castelo neo-medieval, no que ademais vas reutilizando os chanzos que puxeches atrás para cubrir os ocos que fican por diante: se non entendes unha demostración, tampouco vas entender as que toparás dúas ou tres páxinas máis adiante, porque se constrúen en parte coas ideas e cos elementos da demostración anterior.
Penso que xa teño falado tamén noutra ocasión de que a lectura dun manual de matemáticas non ten nada que ver coa de calquera outro dos libros que engulo a cotío. Aquí é habitual que ler unha soa páxina che leve unha hora enteira, mentres vas desnovelando algunha das demostracións e vendo que todos e cada un dos pasos son intelixíbeis e lóxicos. Cando algún non resulta evidente, hai que por a cachola a traballar, mirar nas páxinas anteriores e, no peor dos casos, buscar máis información na Rede de Redes. Amais de lenta, é unha lectura esgotadora.
Agora que xa está lido e entendido o tema 5, fican por facer os 24 exercicios do seu final, que conto con realizar nos días que restan da semana se Juan Mamoru me deixa (hoxe non foi o caso, ao negarse a ir ao campamento de verán e botar todo o día comigo a bricar, comer e a ver vídeos e debuxos variados).
segunda-feira, julho 05, 2021
domingo, julho 04, 2021
O Vernero que foi - Xullo '10
Neste cesáreo mes de moitos anos atrás continuaba o proceso das oposicións de inglés con bastantes máis nervios que na primeira parte, xa que logo de que me saíse aquela sorpresivamente ben, apalpaba posibilidades moi reais de sacar a praza. A espera nos corredores do conservatorio de Ourense, baixo a aperta dun calor abrasador e coa ollada ausente a percorrer cartaces de estilos e compositores musicais é o segundo momento de maior tensión do que gardo memoria, só superado polo nacemento prematuro do meu pequeno, dous meses antes de tempo e moitos anos máis tarde...
O día 22 era oficial, e celebraba a miña incorporación á docencia con imaxe e metáfora dos mandaríns do Imperio do Medio, con data e certificado do 進士, cun horizonte de expectativas completamente novo, e cun peche e apertura simbólica de portas que tornan este mes, nun calendario subxetivo, mais no Ianuarius bifronte e bicéfalo ca no mes do Divino Xulio.
Pechadas as Portae Belli, topaba xa máis tempo para lecturas e reflexións; unha que rima con inquedanzas actuais é unha peza de cerámica Mogollón; recentemente lín sobre outra mostra de arte pre-colombina dos actuais Estados Unidos: unha paipa para consumo ritual de tabaco con forma de londra e que se agocha agora non nos túmulos do Mississippi, senón nas paredes do British Museum. E falando de portas que abren e que pechan, qué mellor que rematar con aquelas das que fala Penélope nos versos de Homero: