No escaso tempo de lecer que me permite o comezo do ano académico estou a lidiar co libro Calculus made easy, de Silvanus P. Thompson, e os seus exercicios. Malia o título, non o estou a topar tan doado, alomenos á altura do tema ao que cheguei recentemente (XI - Maxima and Minima), onde o exercicio típico consiste en visualizar unha figura xeométrica inscrita noutra e calcular as propiedades máximas (volume, area...) das figuras de dentro.
Anque require un chisco de esforzo a visualización e a técnica de resolución deste tipo de problemas, o que me está a romper a cabeza son os meus 'descoidos', erros e despistes computacionais que me levan a error, e que son resultado de pouca práctica computacional. Cousas coma supoñer que se 5x^4 = 5, logo x^4 = 0 (cando é igual a 1), ou ter que elevar ao cadrado a (8-x) e pasarlle o exponente, mal, só ao x, ou o último, tratar a unha expresión elevada a 1/2 coma se estivese elevada a -1/2...
Algo que me frustra tamén bastante é a miña lentitude á hora de resolver problemas. Contaba con que os 11 exercicios desta unidade non me levasen máis de 2 mañás, e xa levarei 2 semanas (anque en total, seguramente non lles adiquei máis de 7 horas ou así por mor de reunións e de preparar cousas para o traballo). Paciencia, non hai outra ciencia...