Hai moitos anos, sendo aínda adolescente, lin tódalas traxedias gregas que se conservan nun volume único en tradución ao español que se agocha nos anaqueis da biblioteca pública de Serra de Outes. Máis recentemente comecei a mercar as edicións bilingües da Loeb Classical Library e xa lin algunhas delas (todo Esquilo, por exemplo). Neste caso, escollín a tradución de 1984 de Robert Fagles (anque xa conto con todo Sófocles en formato Loeb) porque a tiña en formato dixital, incluía as tres pezas tebanas (Antígona, Edipo Rei e Edipo en Colono) que estaban a ser lidas e comentadas no podcast Ascend, the Great Books que escoito e porque era a tradución que alí recomendaban.
Estas obras constitúen, sen dúbida, o corazón da traxedia clásica grega (Aristóteles consideraba Edipo Rei como o cumio de toda a arte traxédica). Unha reseña que trate o seu argumento ou a súa importancia estilística parece innecesaria: son clásicos lidos durante centos de anos, e toda a información sobre eles está facilmente dispoñible ao alcance da man, así que nestas breves liñas limitareime a comentar algúns aspectos desta edición e a relevancia da traxedia sofoclea na actualidade.
Esta edición vén cunha moi boa introdución a cargo de Bernard Knox. Nela, sitúa as traxedias de Sófocles no rico contexto cultural e político da Atenas do século V a.C., unha democracia no seu apoxeo intelectual mais atormentada pola guerra e a inestabilidade cívica. Sinala que, aínda que estas obras beben do mito, abordan preocupacións contemporáneas urxentes, especialmente a tensión entre a conciencia individual e a autoridade do Estado, entre a axencia humana e a vontade divina. Antígona dramatiza o conflito entre o deber familiar e o deber cívico, por exemplo, mentres que Edipo Rei explora a devastadora busca do autocoñecemento e os límites da comprensión humana. Knox tamén subliña o uso da ironía tráxica por parte de Sófocles, a estrutura compacta das súas obras e o papel do coro como ponte entre os actores e o público, elementos todos que intensifican o impacto emocional e filosófico das pezas.
Knox argumenta que, aínda que as tres pezas tebanas adoitan lerse na orde mítica, a súa orde real de composición —Antígona, Edipo Rei, Edipo en Colono— reflicte a evolución da visión traxédica de Sófocles. Advirte tamén contra a lectura destas obras como unha triloxía unitaria, sinalando as mudanzas na caracterización de figuras recorrentes como Creonte. A introdución remata cunha reflexión sobre o poder duradeiro destas traxedias, especialmente á luz da tiranía política e a resistencia no século XX. Knox ve nos heroes tráxicos de Sófocles unha seriedade moral intemporal e unha integridade inflexíbel que resoan co público de todas as épocas, facendo que estas obras antigas resulten fondamente relevantes para lectores e espectadores actuais.
O texto está ilustrado con imaxes —na súa maioría pezas de arte micénica (selos, cerámica, xoias)— que evocan o período no que, miticamente, tiveron lugar estas historias. No que respecta á linguaxe da tradución, Fagles resulta moi agradable de ler: é moderno, fluído e cun dominio elegante da linguaxe e do lirismo que probablemente lle fai xustiza ao grego orixinal. É difícil traducir un clásico e facer que soe como literatura viva, mais creo que o autor fai aquí un bo traballo. O libro tamén inclúe numerosas notas (de Knox) que non consultei, pero que serán moi útiles para o lector común que non estea moi familiarizado coa lenda, a arte ou os costumes gregos.
En conxunto, esta edición é unha excelente porta de entrada a Sófocles tanto para quen se achegue por vez primeira coma para quen regrese ás obras con máis bagaxe. A tradución, como dixen, é accesible e literaria, o material complementario é reflexivo e informativo, e a profundidade temática das obras mantense intacta co paso do tempo (cando menos para quen, como eu, continúa baixo o feitizo dos clásicos e da idea da “Gran Conversa” cos mestres e as obras do pasado). Para min, xa sexan lidas como alegoría política, exploración psicolóxica ou meditación intemporal sobre os límites e deberes humanos, estas traxedias seguen a falar con forza. Para quen queira comprender as raíces do teatro occidental, ou as preguntas perennes sobre o destino, a liberdade e a obriga moral, este volume paga moito a pena.
Unha nota sobre versións en galego e español: as tres pezas están dispoñibles na segunda língua: Tragedias: Áyax, Las Traquinias, Antígona, Edipo Rey, Electra, Filoctetes, Edipo en Colono, Tradución e notas de A. Alamillo Sanz. Introdución de J. S. Lasso de la Vega. Rev.: C. García Gual. Editorial Gredos. Madrid, 2021 (1ª edición, 4ª reimpresión). ISBN 978-84-249-0099-1. En galego hai dúas pezas distintas (Áiax, Electra) traducidas por José Francisco Calaza e que constitúen o número 22 da colección Clásicos en Galego editada por Galaxia e a Xunta de Galicia. Das tres traxedias tebanas só me consta tradución de Antígona, de Felipe de Marzoa (publicada en 1973 en Castrelos) e unha de Edipo Rei de María Fe González Fernández (1999, Clásicos Xuntanza).