sábado, junho 17, 2006

Rescoldos

Fai 63 anos, un xoven estudante xudeu do conservatorio de Kolozsvár vía os seus estudos interrumpidos. Sometido a traballos forzados, a súa familia era deportada ao trístemente célebre Auschwitz-Birkenau. Só sobreviviu a súa nai.
Despois da guerra, o rapaz proseguiu os estudos. As músicas populares de Romania e Hungría misturábanse coas atonalidades da Vangarda, arrincadas segredamente das emisións de radio occidentais. No 56 aproveita a revolta contra o Exército Vermello e fuxe a Austria, onde traballará con grandes experimentais do século XX como Stockhausen e Gottfried Michael Koenig.
Algunhas das súas pezas acadaron merecida sona, tanto na esfera culta como na popular. Dende a décima peza da Musica Ricercata (censurada polo réxime comunista por 'decadente'), ao seu Requiem (que contrapuntea, xunto con outros fragmentos roubados, o 2001 de Kubrick), á ópera escatolóxica Le Grand Macabre, ou o Poema Sinfónico para 100 metrónomos.
Estamos a falar, por se non vos enterastes, do compositor György Ligeti, que como oportunamente avisou o Sir Gawain, faleceu 5 días atrás. E dende esta casa, non podemos menor que honrar a súa memoria, e animarvos encarecidamente a facelo da mellor maneira posíbel: escoitando as súas pezas e compartindo algúns dos seus intereses (que alén do musical incluían a xeometría fractal de Mandelbrot e os escritos de Lewis Carroll e Douglas R. Hofstadter).

Noutro orde de cousas...
A época dos exames nótase ás claras no blogomillo. Apenas teño tempo de insertar entradas, e non digamos de ler e comentar as alleas. A liberación, próximamente nas súas pantallas a partir do 7 de Xullo.
Entre as cousas que non debería facer pero fago está o de planear as partidas roleiras a dirixir para a asociación que estamos a montar en Compostela: Casco Vello. En breve haberá páxina web (coa súa ligazón correspondente eiquí). Fuzando no vello manual de Warhammer 'Realms of Chaos -Slaves to Darkness', ocórrenseume unha campaña concatenada en varios xogos (de Rol e de taboleiro) cos PXs personificando a Guerreiros do Caos. Mesmo fun deseñando xa unha figura para min mesmo: Gabrad o Carnal, Campión do Caos de Slaanesh.




Máis xogos e máis propostas para máis adiante. Iso sí, voltando a outro xiro copernicano, transmítolle mensaxe cifrada a Sir Gawain -creo que xa descubrín o camiño de saída naquel asunto que tiñamos que discutir. As chaves que abren as portas levan os nomes (vai pensando...) de Levinas, 'Espectros de Marx', relixión postmoderna...

9 comentários:

O Breogán disse...

Conte comigo (se podo abusar) para esa caótica campaña!

Un saúdo.

Sir Gawain disse...

Como dicia Ligeti... queda la musica... ah... ah... ah... ah...

Alén dos chistes malos compraceme ver que recolles algunha das luvas que che deixo tendidas non menos que comprobar que as arbores da tua anglofilia aberrante non che impiden ver o bosque do que hai...

Levinas leu a Hegel cando era prisioneiro dos nazis (non esquecer que desmontara xa toda a trama, a "filosofia do hitlerismo"), creo que "Entre nous" é unha leccion de ética e demostra que o posmoderno non é exclusivamente unha hermenéutica...

Sobre a espectropoética... ben... eu sempre o dixen... a diferencia é que ti tes que lelo en inglés para velo...

En fin...

Bicos para ti e mais para Norris (non Chuck, senon o outro).



N.

Jan disse...

Pichel warriors forever...iso, iso, hai que botar unha pachanga, xa!

Lord Malkav disse...

A ver se é certo que diriges algo, que eu aponto-me ao que faga falha, quando remate de assassinar a Juan Andrés, os pp. Rodríguez Mohedano e a Ratio Studiorum jesuítica. Quando entregue o caralho do TIT (seguramente zarrapastroso e sem ápice de originalidade) vou-me passar um mes de boa vida: i.e. rol, bebércio, fazer o túzaro e comer churrasco.
Saudos a todos e a ver se comezades as vacaçons antes ca mim, porque eu levo-a cruda.

FraVernero disse...

Bueno, no meu caso a partir dos San Fermíns, o sete de Xullo.

Canto ao TID, aconsélloche que fagas uso das túas disciplinas diante do tribunal. No caso malkaviano, demantación 10 (ese cacho de queixo é a mellor tese presentada na historia) ou, sendo un claso, Dominación 10 ("eu son o novo rector deste pifostio").

Laurindinha disse...

Sorpréndeme a transcendencia de Carroll no século XX. Ti, neste caso, falas de Ligeti.
Eu estiven traballando coas pinturas de Sigmar Polke, quen tamén se deixou seducir polo sensentido... E así infinitamente... Carroll foi o precursor da psicodelia sen sabelo XDD

FraVernero disse...

Sempre seguimos unha entretecida danza como epílogos e precursores doutra cousa... A materia e as ideas en perpetuum mobile, como esas particuliñas da física cuántica que están e non están nun sitio ao mesmo tempo, quebrando os nosos esquemas lóxicos e racionais...
A psicodelia ten o seu encanto. Eu, que en xeral son un puritano implacábel no asunto das drogas, recoñezo que sinto unha enorme curiosidade nas posibilidades estéticas e de auto-coñecemento que podería producir un consumo responsábel de LSD...

Por iso, ergamos unha copiña de té azucarado (no azucre disolto o ácido, como facían os Beatles) en honor de Carroll, de Hoffmann, Leary, dos caleidoscopios e das visións estrañas.

Laurindinha disse...

Moi dacordo contigo... por certo, a derradeira fotografía que deixamos no noso blogue foi tirada polo propio Carroll, e a ilustración de "Ínsula Poética" é do libro de Alicia, como seguro xa te darías conta. Noite Subsahariana está sempre tirando do xenio de Carroll, aínda que preferimos non comentar nada acerca da súa vida máis íntima XDD

Sir Gawain disse...

Homo sacer, homo sacer, moro della moreria...

vexo que me dou a volta un instante e que xa andas a confesar a tua fascinacion polos alucinoxenos. Un dia temos que probar xuntos a mescalina, como Bloch e Benjamin, e falarmos con Muntzer e Petrarca...

ou como Kubrick e Fellini que tamén se entregaban a movida psicotropica a duo na casa londinense do primeiro...

Por aqui continuamos dandolo todo (giving it all, que diria Varela) con cousas como a linguistica romanica que son moito menos divertidas que Sigmar Polke...



Bicos e ata a proxima,

N.