terça-feira, outubro 17, 2006

Dúas versións

Isto, xunto a outras estupendas traduccións, podedes topar nun volume da Editorial Galaxia ao que lle desexamos unha feliz andaina: "Poesía Inglesa e Francesa", vertida ao galego por Plácido Castro, Lois Tobío e F.M. Delgado Gurriarán.
Na peculiar antoloxía de cada recopilador (presentaron un feixe de poemas traducidos a concurso, sendo todos publicados nun volume común en Bos Aires no ano 1949) tan só se dá unha coincidencia: o poema 'Pluie', de Paul Verlaine. Dúas versións ricas e difenciadas de Florencio e Lois Tobío que chamarán a atención tanto pola súa calidade como pola curiosidade das escollas da cada un, froito inevitábel desa alquimia estraña que é todo proceso de traducción.

CHOIVA
(versión de Gurriarán)

Il pleut doucement sur la ville
Arthur Rimbaud

Chora o meu corazón
E na vila a chover;
¿Que estraño esmorecer
Sente o meu corazón?

Nos tellados, a choiva,
Canta un canto teimoso
Pró corazón saudoso,
¡Doce canto o da choiva!

¿Por que te queixas, di,
Corazón magoado?
Se non es traizoado...
¿Por que te queixas?, di.

Mais non aturo a dor
Que me causa o ignorar,
Que sen querer nin odiar
Sinta tan forte dor.


CHORA O MEU CORAZÓN
(versión de Lois Tobío)

Il pleut doucement sur la ville.
Arthur Rimbaud

Chora o meu corazón
Como chove na vila.
¿Que é este vago langor
Que enche o meu corazón?

Doce rumor da chuvia
Por terra e nos tellados.
Pra un alma que se anguria,
¡Ouh, o rumor da chuvia!

O meu cor, sen razón,
Chora saudosamente.
¿Ninguén me traizoou?
Pró meu dó non hai razón.

Non hai máis fera pena
Que non saber por que
Sen amor nin xenreira
Sinto tan fonda pena.

4 comentários:

Laurindinha disse...

Dúas versións preciosas, aínda que quizais quede coa de Lois Tobío...

Anónimo disse...

Ola, Fra,
vexo que agora te dedicas á hermenéutica. Aí supoño que terás futuro. Tal vez tamén como crítico literario (non vos perdades as perlas que lle dedica ao presidente da asociación de críticos españois a paupérrima pluma de Pérez Reverte, na revista "El Semanal" de onte). Xa nos dirás se foi bautizo de fogo, no arduo e miserable mundo da crítica literaria, o teu artigo (que ningún amigo teu leu, por certo) no Boletín Galego de Literatura.
Veña, castrón, venite adoremus

Ramón

FraVernero disse...

Certo: xa non sei para qué repartín as separatas do meu artigo... Ningún dos meus amigos (xa non digamos os demais) se dignou a pasar do 'resumo' de 4 liñas...

¿Quen necesita inimigos?

Cosas veredes...

O Breogán disse...

Se cun simple poema pasa isto non quero pensar o que fixeron coa Biblia XDDDDD

Un saúdo, meu "paranoico" Pan tangiano!