Pensaba inserir unha táboa coa rutina cotián do Mantedor por estos lares, mais síntome preguiceiro, e xa escoitáchedes queixas dabondas...
Onte leváronnos de visita ao Museo dos Xoguetes da vila. A casa mesma parecía de xoguete, e dentro topabas unha variedade envexábel, anque cun regusto soviético nos productos locais. O mellor foron as marionetas orientais, xa que -non sei se o sabedes- un dos soños frustrados de FraVernero (alén de manexarse ben en latín, a Revolución Socialista e ser amado) é o de aprender a manexar as pezas xavanesas no Teatro de Sombras, o Wayang Kulit, e montar con elas un pequeno teatro por terras galegas.
Hoxe estamos conspirando sobre se ir ou non mercar xelados na Kaubamaja, que ben a ser un centro comercial digno dalgunhas páxinas de Saramago... Aínda non fun ver a pelicula dos Simpsons. Unha das poucas cousas boas de estar eiquí é a posibilidade de vela en versión orixinal...
O venres, despois das aulas, lisco para Tallinn. Ruth agarda na parada de buses, e cun pouco de sorte, vai facerme de guía local, alén de proporcionarme aloxamento a un prezo que non podo rexeitar: nada de nada no seu piso. Non todo ían ser desastres, non? Do que vexa, xa vos contarei...
Polo momento, nada que engadir. Confío en visitar as celas da KGB con Jaak e en voltar a quedar unha tarde con Jüri. A segunda fornada non ten xente de moito interese. Hai un trío de escoceses, bulgaros, unha parella de Letonia bastante peculiar, unha inglesa linda que traballa para a European Comission e fala perfecto estonio (xa sei o anterior sona oximorónico, pero é verdade...), unha parella de franceses e outros a engadir. O verdadeiramente interesante é unha lituana ratuna e lista coma un allo que me resulta notoriamente atractiva. Neste caso, a vena narcisista triunfa sobor da superficial: o espello en que me vexo reflectido, ou no que creo verme reflectido, é pasto da fantasía...
Seguiremos outro día...
5 comentários:
E saiunos o Fra namoradisco!! Mira ti que ser moderno Narciso alí onde as augas non son todo canto especulares poden ser! Céntrate no estudo do estonio e déixate de andrómenas, que a terriña está chea de rubicundas femias galaicas agardando polos teus favores!! Obviamente eu nin rubicunda nin galaica son, así que xa sabes o que che toca!! Bicos Fra!!
alén de manexarse ben en latín, a Revolución Socialista e ser amado... Por Dios.
Latín: Pq escolleches o inglés (o latín do SXXI)
A revolución socialista: Xa existíu e fracasou.
Ser amado: Non se quere aos mendigos.
Bebe máis da conta e entralles en estonio. Sempre terás a opción da confusión ligüística.
xD
siga contándonos que viaxamos con vostede!
Atento sigo, Torre. A ver se hoxe topo tempo para colarvos a cronica da minha estadia en Tallinn...
Enviar um comentário