quarta-feira, agosto 08, 2007

Periplo en Tallinn

A fín de semana, como vos anunciei, estiven pola capital do país. A miña primeira intención era a de subir á cidade o venres pola tarde, mais causas alleas a mín retivéronme en Tartu ata o día seguinte, pola mañá. Na viaxe de bus (dúas horas e media polas chairas estonias) seguín coa lectura de Milton e da paisaxe.
Despois de chamar a Ruth, quedamos ás doce e media na Praza da Liberdade, xusto ás aforas da Cidade Antiga. Dende o lugar podíanse aprezar algunhas das torres da muralla medieval (Tallinn conserva arredor de 40, moitas delas reutilizadas como mini-museos, alén de lenzos considerábeis da muralla). O paseo, tralo feliz reencontro dende o congreso de Kiel, levounos pola Cidade Vella (Vana Tallinn, que tamén é o nome dun licor para turistas doce e de alta graduación), coas súas torres e prazas, rúas encaracoladas e cobreguexantes e formas vagamente xermánicas na arquitectura. Moito turismo e lugares kitch. Refuxiámonos nunha pequena terreza e coa compaña dun par de cervexas frías, parolamos dos vellos e novos tempos. Daí saquei varias curiosidades:

1- Un profesor de instituto gaña eiquí máis cartos ca un universitario.
2- os Estonios independízanse con 18 anos. Trala Universidade, non soen retornar case nunca á casa.
3-Vendendo tickets de ferry fai uns anos, Ruth gañaba máis cartos que a súa nai, que é medico...
4- Non é estraño topar a xente que vive en pisos dunha habitación e forte recendo soviético (aquelas vivendas estandarizadas construídas na época de Khrushev...).

Despois a tarde foi seguir vendo máis igrexas, gremios e rúas. Escaleiras medievais e empinadas da Igrexa de San Olaf, no seu tempo a torre máis alta do Báltico, con vistas espectaculares ao chegar arriba. A colina onde se asenta o goberno e o parlamento de pazos neoclásicos e a catedral claramente rusa de Alexandr Nevsky, que fai tempo creou polémica ao encabezar a portada dunha gramática estonia en inglés (é que os anglosaxóns meten todo no mesmo saco, e moitos pensan que o estonio foi inventado despois de 1991, coa segunda independencia). O máis encantador curruncho da cidade vella agocha despois un café sobre adoquíns irregulares no que disfrutar un té verde e un anaquiño de tarta de froitos vermellos, mentres un trío musical de violín, cello e mini-piano ataca pezas clásicas que recrean unha atmósfera de cabaret ou comezo da Lista de Schindler. O Mantedor raña nas 11 picaduras de mosquito conseguidas o día anterior... Segue un local de jazz totalmente deserto (segundo Ruth, parece que este tipo de sitios non callou entre os nativos) e probar o beberaxe local. Viaxar en troll (así lle chaman a unha especie de tranvías sen cables por arriba) ata o piso que Ruth xenerosamente me emprestaba, cun sofá-cama na sala de estar/dormitorio. Antes de durmir falamos algo máis de literatura estonia e universal (sobretodo dos libros que tiña no piso, cun canon moi parecido ao meu), alén de baleirarmos a medias unha botella de viño sudafricano.

[por certo que a embaixada española é un edificio feísimo, xa que ao contrario que outros países, non quixeron gastar cartos en Estonia. E non a abriron ata que o país entrou na Unión Europea...]

O Domingo tocou visitar museos. Primeiro algunhas das torres e anacos da muralla. Logo, o claustro dos Dominicos, en ruinas, que é o edificio máis vello da cidade (século XIII). A monxa dounos un circuliño de metal que acuñamos logo artesanalmente e a golpe de martelo, creando ao tempo un bonito e permanente recordo da visita. Unhas cantas escaleiras empinadas e unha Danza da Morte particularmente fascinante, xa que a outra que compuxera o artista alemán ardeu en Lübeck no 1945 (xa vos falei desa visita, cos vidros restaurados recuperando en parte a imaxe da anterga Totentanz). Pasear por barrios de casas de madeira, case únicos en Europa, parques e castelos barrocos restaurados, vistos tan só por fora xa que as presas e a falta de tempo levan ao Museo local de Arte Conteporánea. Dúas exposicións captan a miña atención: unha dun artista estonio de entreguerras, moi surrealista e con aroma parisien, e outra cos cadros socialistas que tanto afagan o meu pervertido padal...

Xa ficaba tan só mercar un libro de poemas experimentais da contracultura antisoviética dos 60, visitar as portas da cidade e ver de lonxe o único edificio de arquitectura estalinista antes de emprender o retorno a Tartu, contente e totalmente arruinado polos altos prezos da cidade.


A frase de hoxe ven da lituana, que con timidos ollos de gacela me espeta: "I like you"...

10 comentários:

Anónimo disse...

Oigh!! "I like you!". Agora si es Pajares e Esteso totally totally. A ver cando volves meu rei, que estamos organizando expedición á Coruña e algún sitiño haberá para tí na carruaxe real. Amais, temos que tomar un café, cacacola, auga deshidratada ou similar e poñernos ao día!! A min, particularmente, interésame bastante iso das estonias, letonas e foráneas varias que vas deixando co corazón esgazado e os ollos bagoxentos.

FraVernero disse...

Ei, que o noso mutuo ingles non resulta tan fragmentario como o das pelis espanholas dos 60... Alen, non deixo por ai corazons esgazados... O gusto mutuo e unha feliz e rara coincidencia...

Eu apuntome a expedicion corunhesa, se por esas datas estou de volta (retorno o domingo pola manha), e aledariame parolar longo e tendido, Prisinha.

Unha aperta.

M.

Arale Norimaki disse...

Demo de limitacións temporais, agora atopome na fase subcero do periplo nun cyber rural da franxa do ponent pero así teña tempo lerei as súas crónicas con detalle sr.Fra. Escribolle en precario xk xusto onte falei un bo anaco cun escritor catalán que tamén anda marabillado con Estonia e o seu panorama literario e non puiden evitar lembrarme do seu recuncho! (sendo eu totalmente analfabeta en materia de literatura estonia)

FraVernero disse...

Pode que o catalan interesado sexa Albert Tinaut, Arale? E o traductor de Talvet ao catalan/espanhol...

O Breogán de Gáidil disse...

Viaxar en "troll"?!?!?

Mágoa dunha cámara de fotos mental que rexistrara e descargara as imaxes que cruzan polo noso maxín, porque a que acabao de ter de ti cun ticket na man montado na caluga nun olog-hai non tiña prezo.

Un saúdo.

O Nadador disse...

Xa ficaba tan só mercar un libro de poemas experimentais da contracultura antisoviética dos 60, visitar as portas da cidade e ver de lonxe o único edificio de arquitectura estalinista antes de emprender o retorno a Tartu, contente e totalmente arruinado polos altos prezos da cidade.

Realmente es o mellor humorista da túa xeración. Coidado con esas do leste non vaias volver casado e cun churumbel.

FraVernero disse...

Breogán:

Certamente, cando Ruth me falou de coller o troll, podes imaxinar imaxes exoticas e complexos de Merry e Pippin rondando na miña cabeza... de feito, estivemos facendo bromas co tema todo o traxecto...

Mon chèr Nadador...

A coroa é indigna de repousar nos meus indignos ombreiros, máxime saíndo do que foi o Príncipe do Humor da nosa xeración, e neto da bertorella dourada. Non me importaría voltar cunha desas do leste anque (ben me coñeces) sen o churumbel.

Arale Norimaki disse...

Non tenho o gusto de conhecer a Tinaut, o escritor ao que me referia e Txema Martinez, da zona de Lleida, quen seica estivo tamen por estonia nalgun congreso como o seu e que e unha figura ben interesante.
Saudos dende gringolandia, sr.Fra.

Anónimo disse...

Me disculpo por no escribir el portugués. Puesto que se me cita, pongo a disposición mis direcciones electrónicas por si alguien está interesado en escribirme (le atenderé con mucho gusto):
alazaro@casadelest.org
alazaro@menta.net
Efectivamente, soy el traductor de Jüri Talvet y de otros autores estonios.
Albert Lázaro-Tinaut

Anónimo disse...

¡Cómo pude tener anoche esa confusión lingüística! Confieso que era muy tarde y... Perdonadme todos por embarullarme y confundir el galego con el portugués...
Os reitero mi ofrecimiento.
Un saludo sincero desde Barcelona.
Albert