sábado, fevereiro 14, 2009

Meme Larpeiro

'Yo he venido aquí a hablar de mi libro'...

De certo, o que máis me gorentaba hoxe era reflexionar un pouco sobre algún dos seguintes temas, que quizaves arrinquen entrada nunha futura ocasión:

1) os
Philosophical Arabesques de Nikolai Bukharin, escritos en tenebrosos días nos que o seu autor agardaba a saída das celdas da Lubyanka cara o seu fusilamento e visita permanente ao Comité Central da Eternidade, 'onde os compañeiros / militan no sorriso'.

2) Conectado co anterior, unha serie de reflexións sobre a traxedia do
Marxismo Occidental, ou o intento de defender unha teoría e praxe revolucionarias (máis o primeiro que o segundo) no contexto do fracaso da revolución e o seu alonxamento cada día maior das realidades do Primeiro Mundo.

3) Temos tamén a enorme decepción que me causa o triunfo electoral da estrema dereita en
Israel, e unhas impactantes imaxes televisivas dunha rapaza palestiniana de 9 anos coas pernas queimadas polas bombas de fósforo sionistas; todo o cal suma para que me resulte cada dia máis difícil opoñerme aos discursos que reclaman a destrucción dese estado bárbaro, colonial e terrorista.

4) A Bauhaus, exemplo de 'bolchevismo cultural'?


Como nunca faltan ocasións para reflexionar sobre as miserias humanas e os seus fracasos, ídesme permitir que por hoxe siga unha nota algo máis frívola e vitalista mediante a colaboración no meme-cepo que me enviou o señor Raposo, nunha clara inversión da metáfora do cazador-cazado. Non é só que os memes sexan unha praga electrónica e un simulacro do funcionamento dos virus: é que agora, con este 'Meme das Larpeiradas', invento ao parecer da maligna bitácora LM, teño que escoller un producto típico da nosa zona (neste caso, Serra de Outes) e sortealo entre os comentaristas! Veremos como dou artellado o xeito de mandar o producto ao gañador...

Un dos problemas habituais cos productos 'típicos' e sempre soen ser típicos tamén doutros lares (quen dubide só ten que comprobar a fundamental igualdade da cociña alemana, polaca, estonia, lituana e letona no fundamental). Famoso de San Cosme son as cebolas, que como imitador de Sancho Panza podo engulir crúas cun anaco de pan de centeo (anque mellor con tomate, queixo e un pouco de sal, aceite e vinagre). Ao final decidinme polas estupendas orellas que, modestia aparte, facemos na miña casa, e que seguindo a lóxica deste meme conservador e vicioso sortearei entre os comentaristas a finais de mes.

A quen lle paso o morto? Pois creo que aínda non foron atrapados Modesto, Sul e o Moncho, así que xa sabedes...

13 comentários:

Anónimo disse...

Señor Frade, en resposta á súa demanda, as referencias que Bauman fai á cuestión do 'simulacro' aparecen enguedelladas no seu 'Miedo líquido', aínda que non é ese o tema central do mesmo (ou si, se cadra si, agora que o penso).

E así tamén teño eu opción a saborear esas orellas?

FraVernero disse...

Pois sí. Tócalle o nº 1 na rifa, Uncle Joe.

Mario disse...

Disimulen a miña impericia, pero eu é que este meme non o acabei de entender nunca (e levo tempo a seguilo), cousa que non deixa de ser unha sorte, xa que na miña terra todo o típico é copia (veñan probar a tarta de Santiago, digo de Ferrol) salvo (dime un compi compostelán) o arroz con leite, que non sei que ten de típico, porque arroz pouco e leite algo, pero nas aforas. Iso si, a orellas e filloas niguén pode coa miña nai.

SurOeste disse...

E eu que vou rifar? teño que decidirme entre tantas delicias...

LM disse...

quem se resiste a umas orelhas e mais se som da casa? pido número.
beijos

Carlos Sousa disse...

Ola, eu tamén estou metido no trasteo este, non me importaría que me tocarán as ourellas esas, e máis agora que nos estamos a acercar ós carnaváis.

Quero un número e se queres acercate por Ponteareas a solicitar o número para as rosquillas e licor café.

Un saúdo.

Senda disse...

si si, VIVA O CARNAVAL!! eu tamén quero número para as orellas!!

Moncho Pais disse...

O Antroido sen ourellas non é Antroido! Méteme na concurso xa que me pasaches a praga esa do meme-larpeiro!

Un saúdo!

Raposo disse...

Apúntome a esas orellas; podemos tomalas con viño. E aquí paz e despois fartura e borracheira.

Anónimo disse...

Pois agora que xa non teño a miña nai para facermas, non estaría mal probar unhas orelliñas auténticas.
Pido número.
(Eu tamén sorteo algo no meu sitio)

Chousa da Alcandra disse...

Dame número para o teu sorteo e ven buscar o teu á Chousa para o pan de Antas co queixo da Ulloa que sortearei!!!

Anónimo disse...

Eu non quero ser menos, apunta e pásate a coller rifa.

FraVernero disse...

Ok. O sorteo terá lugar hoxe á tarde (un día de reatraso) e postearei o resultado eiquí. Os números son os seguintes:

1) Tío Pepín

2) Mario

3) Suroeste

4) LM

5) Carlos Sousa

6) Senda

7) Moncho Pais

8) Raposo

9) Ninsesabe

10)Chousa

11) Paco Penas

Despois de anunciar ao gañador, sería bon que se puxera en contacto comigo para vermos o modo de envío, que pode incluír correo, entrega en directo (quizaves en Compos), etc...