terça-feira, fevereiro 10, 2009

Saussure e os anagramas

Coñecido é o fascinio que sentía Ferdinand de Saussure polos anagramas. Os mesmos constituían unha matriz da linguaxe que entraba en contradicción coas súas propias ideas plantexadas no Curso de lingüística. De feito, entre 1906 e 1909, adicouse a investigar un achádego que lle sorprendera fortemente. Saussure descubrira unha serie de regularidades nas obras que estaba analisando (Homero, Virxilio, Séneca, Horacio, os Carmina Epigraphica, Policiano, etc.) que o levaron ao convencemento de que existía unha serie de 'anagramas', de 'palabras baixo as palabras' de 'texto baixo o texto' que se constituía coma parte esencial da técnica de composición.
O interese que espertan hoxe os estudos de Saussure sobor dos anagramas débese sen dúbida a que a partir dos mesmos é posíbel construír unha teoría moderna da literatura. Jakobson, por exemplo, veu neles unha confirmación da súa propia teoría, segundo a cal a función poética 'descubre o lado material dos signos' e 'proxecta o principio de equivalencia, do eixo de selección ao eixo da combinación'.

4 comentários:

SurOeste disse...

Estimado Frater, non sabe vostede o que me deron que facer de nena a propiedade conmutativa e a propiedade asociativa e a alegría que me dá, agora que xa as entendo, saber todo o partido que se lles pode sacar.

A Raíña Vermella disse...

Coido que precisaría unha explicación mais detallada diso que dis das palabras tras as palabras. O estruturalismo sempre me pareceu un medio didáctico aínda que reducionista de apreixar a realidade, ás veces correndo o risco de deformala imperdoablemente para acomodala á nosa estrutura. A que se refería Saussure coas regularidades?
P.D: por certo, eu son de Chomsky :p

FraVernero disse...

Hahahahaha

Eu tamén teño a chapa de Chomsky, Raíña (alén de que nas aulas tocoume defendelo, o que fora unha afortunada coincidencia, xa que sentía devoción por el como político e lingüísta. De feito, os coleguis chamábanme 'Chomsky' daquela).

De todos xeitos, hai que aclarar que Noam comparte sitio no estante cun reloxo de peto moi clásico, unha chapa con Bud Spencer e estampas variadas -Marx, Lenin, Carlos I, Brecht, o Reichstag en 1945 e os demos dunha cúpula medieval-.

Polo que toca ás palabras, e tal e como eu entendín o choio este: a idea de Saussure (e niso apóiase na práctica real de moitos textos relixiosos e místicos) é criptográfica. Cada palabra ou sílaba, ou un certo conxunto de palabras (imaxina: a primeira palabra de cada verso, ou a primeira sílaba) tería nun cifrado un equivalente noutra palabra/sílaba. Xuntando estas, e descifrando, terías outro texto, 'agochado' no aparente. As posibilidades de paranoia e pescuda fanse inmensas (anque os computadores hoxe farían ese traballo mellor que nós).

Sul, xa a imaxino a vostede nun paraíso matemático de ceros e uns... Un aposta sempre pola propiedade asociativa, no persoal e no político... xD

Raposo disse...

Interrumpo este interesante coloquio con algo mais banal e se cadra intranscendente. Deíxolle un encarguiño no meu blog por si lle apetece.