sexta-feira, agosto 14, 2009

Libro de Viaxes

Últimamente, e aproveitando o periodo vacacional, os antigos membros do Colectivo Sacou adícanse a percorrer algunhas das vilas e das xeografías culturais do país. Onte tocou o Salón do Cómic de Coruña, xa convertido nunha tradición (debo levar alomenos 7 anos acudindo), e o luns pasado a visita á Cidade das Muraias, Lugo, que o Mantedor apenas visitara.

É a anterga fundación romana un espazo espléndido para o paseo e satisfacción da gula artística e culinaria. A catedral sorprendeume polo Gótico, estilo esquivo en terras galegas (con perdón do Gótico Mariñeiro e de Betanzos), e polo escaso gusto neoclásico da fachada principal, máis apropiada para unha academia ou facultade. Neste senso gaña moito máis unha das portadas do transpeto, baixo un pórtico vagamente similar ao da catedral de Tui e cun Cristo case-pantocrátor no tímpano e un estraño pseudo-capitel de pedra branca aos seus pés coas figuras dos doce apóstolos. Nunha torre ao seu carón vemos o escudo do antergo reino de Gallaecia: o cáliz meirande, Santo Graal, coroando a nube de nervios, de fustes e capiteis.

As muraias romanas son percorrido case obrigado. Comezamos pola Porta de Santiago, con relevo esculpido do Matamouros, e dando volta a toda a circumferencia. Vistos dende enriba, sorprenden os abandosos ocos dentro das muraias, con leiras, campos de fútbol e naves abandonadas. O casco vello lugués en senso estricto parece cinguirse tan só a anacos e rúas do interior, anque o que se conserva (incluíndo algunhas rúas asoportaladas non lonxe da fonte pétrea dalgún bispo) ten un encanto e un aire que lembra o mellor do Ourense vello ou de certas vilas mariñeiras.

A tarde desnovelouse lenta, no Museo Provincial (Praza da Soidade) e a pequena pedra preciosa do gótico de San Pedro. Menos mosaicos dos que agardaba (ú-la famosa face que aparece en tantos libros de texto?), mais sorpresas agradábeis nos escudos de pedra do claustro, nas aras, no famoso Torques de Burela, nalgunhas pezas de Sargadelos e nunha perfeita cociña tradicional, diccionario en pezas de vocábulos perdidos...

5 comentários:

Moncho Pais disse...

A min moito me gusta Lugo. Ademais é unha cidade coa que teño moitos vencellos sentimentais. Teño moi boas lembranzas e pasei moitos intres fantásticos nela. Como saberás, estiven a traballar ben preto dela, en Monterroso. Ía a miúdo ás murallas. Fáltache vivir a noite de Lugo, para min unha das miñas preferidas.

Unha aperta aos viaxeiros do Coleutivo Sacou!

A.C. disse...

As viaxes non so nos aportan coñecemento; tamén alimentan os nosos espíritus.
Debo agradecer as palabras de Moncho para coa miña cidade.

amauta disse...

Bo e agardado retorno o seu, compañeiro.

Unha viaxe: coller o tranvía 38 en Schotten (Viena) e percorrer as outonizas vides do fermoso Grinzing.

Queda feita a recomendación.

Saúde!

FraVernero disse...

Moncho, irmán... pena que non andiveras por Lucus por estes días, para facernos de Virxilio ou Añón, estilo 'Divino Sainete'...

A.C., de certo, anque toda viaxe (incluídas aquelas nas que non saímos da casa) é unha volta arredor de sí, que diría Otero. Gorentoume moito Lugo. Hei voltar na conxugación dun futuro indefinido.

Amauta, tomo nota da recomendación austríaca, anque é un país que me cae visceralmente mal (cosa da heteróclita coalición de Aldolf Hitler, Kurt Waldheim e as críticas de Musil, Bernhard e Jelinek...).

Florentino L. Cuevillas disse...

Lugo é un gueipo cheo de sentimentos e ledicias, lembranzas da anterga pedra que ergueron os romanos. Lugo é a cidade do interior do país, onde se atopan sitios inesquecíbeis e lugares perfeitos.