Malia os gustos en xeral bastante clasicistas de FraVernero, o certo é que tampouco son inmune aos engados da literatura xenérica, especialmente nos terreos da Fantasía e (algo menos) da Ciencia Ficción. Unha das miñas vacas sagradas é o escritor inglés Michael Moorcock, do que hoxe imos a parolar un chisco.
A Moorcock descubrino de xeito indirecto alá polo ano 1996 ou 97, a través dun amigo e da miña primeira partida a un xogo de rol. O tal xogo era 'Stormbringer', e estaba ambientado nun curioso mundo de espada e bruxería onde a figura sobranceira era Elric de Melniboné, antigo emperador, albino enfermizo, feiticeiro de maxia negra, pesimista e dependente dunha espada vampírica, que leva á traxedia e á destrucción de todo o que ama (muller, país e mundo incluídos). Da man do mesmo amigo puiden facerme coa primeira novela que glosaba as fazañas de Elric ('La fortaleza de la Perla', publicada pola editora Martínez-Roca), e que sería o primeiro chanzo cara a adquisición e lectura de tódolos demais volumes desta peculiar e seductora saga fantástica.
Polo camiño, funme familiarizando tamén con outras sagas do autor, cos seus contidos e 'ralladas' filosóficas, e coas características e contextos deste. Por oposición á fantasía máis clásica que coñecía (Tolkien e similares), Moorcock pertencía á chamada 'Nova Onda' (New Wave) que protagonizou un xiro copernicano na fantasía dos anos 60: mesturábanse elementos de ciencia ficción coa espada e bruxería, e o ton das historias voltábase máis psicodélico, rockeiro e contracultural...
Conceptos dos que o xénero é debedor de Moorcock son os do Multiverso, o Campión Eterno ou a dualidade de Lei e Caos. O Multiverso representaría o espazo cosmolóxico dos infinitos universos existentes, e das súas relacións, que nas novelas de Moorcock son posíbeis (viaxes a outros mundos). Cada un dos mundos do Multiverso constaría dunha serie de elementos que se repiten en tódolos demais, anque con variacións: elementos como a loita entre dúas forzas cosmogónicas e teolóxicas, baixo os os nomes de Lei e Caos. O Caos (simbolizado con oito frechas que saen dun punto central) implica as múltiples posibilidades á marxe de toda regra, a maxia; tende a ser fermoso, mais tamén inestábel; a Lei (simbolizada por unha única punta de frecha, triangular) é a orde e a estructura, tamén as levadas ao exceso. O ideal para os humanos maniféstase nun equilibrio: a Balanza Cósmica.
Do mesmo xeito que en tódolos mundos existe este conflicto, en todos eles existe o espazo de Tanelorn e a figura do Campión Eterno. Tanelorn é un remanso de paz, unha cidade idílica que existe en tódolos planos do Multiverso e que fica á marxe do conficto Lei-Caos, e que ofrece refuxio a todos aqueles que están fartos dos dous bandos. Polo que toca ao Campión, este é un heroe que ten a obriga (moitas veces, contra a súa vontade) de loitar polo equilibrio e a balanza. Nos diferentes universos, o Campión maniféstase con moi diversas facetas. Cada Campión protagoniza unha saga de Moorcock (e dalle a ocasión, poñéndonos un pouco cínicos, de recrear a mesma historia con variacións). Quizaves o máis famoso (e o literariamente máis logrado) é o Elric que mencionamos. Outros de interese son Erekosë, Dorian Hawkmoon, o Príncipe Corum, Urich von Beck, etc...
Alén destas series, Moorcock tamén ten feito novelas algo máis convencionais, coma Mother London, ou a tetraloxía do Coronel Pyat. Da súa producción restante agrádame moito Gloriana, un pastiche de forte hálito Spenceriano (The Faerie Queene) e Gormenghastián (é unha homenaxe ao escritor temperán de fantasía Mervyn Peake) que ten lugar nunha realidade alternativa á nosa en que un equivalente da Inglaterra Isabelina conseguiu dominar o globo terrestre, e que estes días estou relendo. Nun futuro próximo agardo ter tempo tamén para atacar algunhas das súas sagas máis heterodoxas, como a de Jerry Cornelius, a de Count Brass ou a da Fin dos Tempos.
Tampouco descarto algún traballo sobre el a longo prazo. Goréntame especialmente, neste londinense de pro o seu amor pola cidade do Támesis, e as recreacións que fai dela (xa sexa en mundos de fantasía, ou no real). Os seus imaxinarios de London de certo que serían un excelente terreo de estudo...
Sem comentários:
Enviar um comentário