Pensaba falarvos un chisco de lecturas e reflexións recentes. De Joán Arias, por exemplo, que escribiu unha encantadora cantiga de amigo da que chama a atención a 'chulería' da senhor (en quant' el diz non lhi gradesqu' eu ren, / ca mi sei eu que mi paresco ben); ou dos paralelismos da nosa lírica medieval coa antiquísima poesía chinesa do 'Libro das Odas', Shih Ching (詩經). Nembargantes, os requiebros de Javier Rodríguez 'Panero' arrincáronme do meu soño dogmático o tempo suficiente para que vos recomende o seu artigo de opinión sobre o movemento do 15-M, alén de engadir dúas ou tres notas da miña propia colleita.
Compara Javier, con altas doses de ironía, as sentadas cidadáns co maio do 68. Permítome engadirlle outro simil, como é o do proletariado romano. É que lonxe das grandilocuencias posteriores da terminoloxía, o proletarius da vella capital é o mellor instrumento para reflexar (diremos, coma Joyce: o cristal crebado que lle roubamos á criada) á nosa xuventude revoltada: unha masa conformista de botellón e playstation que soñaba en vivir dos pais mentras non poida vivir dos fillos e gozar paseniñamente dos praceres da sociedade de consumo ata que a Crise veu a petarlles á porta da casa, aducindo suspensión de pagos e próxima supresión do Auxilio Social dos diferentes pais (os biolóxicos e papá Estado).
Un quixera crer o contrario, evidentemente: que o movemento 15-M é o comezo dunha nova era de mobilización crítica, de cuestionamento da realidade, de esforzo e de avance social, mais seguramente os anos me vaian tornando un chisco escéptico e difícil de entusiasmar, agás cos praceres privados e controlábeis. Todo é cuestión, tamén de perspectiva (ou de paralaxe, que diría Zizek). A situación actual píllame dende o mandarinaxe mol, nunha situación na que non me considero dos máis desfavorecidos no marco do realmente existente, e na que fico un chisco canso de loitar as batallas dos outros; de voltaren as agullas do reloxo un ano atrás, no pasado recente en que FraVernero era un parado sobrecualificado de humanidades con moitas papeletas para escapar correndo cara a emigración anglófona, o 15-M podería terme topado nas tendas de campaña. Tal como están as cousas, seguirei contemplando, entre divertido e sardónico, como se desenvolven os sucesos dende as marmóreas e outas gradas do anfiteatro. Se o que nos ocupa amosa ser algo máis que unha bufonada carnavalesca de curta duración e calla nun movemento sólido de loita e de transformación, habémonos ver, compañeiros de viaxe, no camiño. E falaremos dos Espartacos de Kubrick e do presente.
1 comentário:
Boa reflexión. Moitos de nós queremos ver neste movimento social unha resposta cidadá con xeito, pero semella que non hai nin ganas nin continuidade.
Cando menos, tendo en conta o que "FraVernero" di, e compartillando amplamente o comentario, todo isto saiu na prensa, e polo menos vai ser obxecto de preocupación para a clase política aburguesada, "apoltronada" e pouco activa.
Entón de todo sacamos que o verdadeiro impulsor, a canle de comunicación, foi a prensa. Prensa que dende unha banda aproveitou para criticar ao sistema capitalista neoliberal (non confundir co auténtico liberalismo europeu); e outros para darlle cun pau ao goberno socialista de Zapatero.
Se eses rapaces xunguidos na Praza en Al-Magrit de campamento, non tiveran cobertura periodística, non creo que tiveran durado nada.
Esto non ten comparanza con aqueles movimentos de fai décadas.
Enviar um comentário