segunda-feira, julho 25, 2011

Libros do Mes

Manual de Teoría de la Literatura, de Fernando Cabo e María do Cebreiro

Behind the Japanese mask, de Jonathan Rice [E]

Tea in Japan: Essays in the History of Chanoyu, de Paul Varley e Kumakura Isao

Chinese Literature, Ancient and Classical, de André Lévy [E][R]

Poetas chinos de la dinastía Tang de C.G. Moral (tr.) [R]

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

*The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 1, de William H. Nienhauser (ed.)

Aviso para navegantes

Aprezados lectores: infórmovos de que o mes de xullo remata cedo no Pazo de Trasalba, xa que o mantedor e a súa dona dan comezo mañá a un periplo de case un mes polo País do Sol Nacente. Polo tanto, non contedes con novas entradas na bitároca ata despois do retorno (arredor do 25 de agosto), cando as ondas virtuais desta praia volten a ser porto e acubillo para cibernautas e outros navegantes.


Un saúdo


FraVernero

sexta-feira, julho 22, 2011

Poesía Arcaica

No ronsel das varias lecturas do verán e dos actos de presentación de Antítese Nativa (recentemente en Pontevedra; conto con pendurarvos o video eiquí) andivéronme ás voltas no maxín as sempiternas preguntas arredor da esencia do ser poético. Indubidábelmente, non hai respostas sinxelas, de consenso e universais á pregunta de 'que é a poesía', anque para tratarse dun terreo tan espiñento, eu dende logo teño un concepto bastante claro do que é a poesía para min: unha das diferentes artes que ten como materia e punto de partida a linguaxe (oral e escrita) e que sempre inclúe en alto grado un elemento estético e formalista por oposición aos máis habituais aspectos pragmáticos e comunicativos das línguas, e que pode ocupar un papel maior ou menor, dependendo de tradicións, países, grupos e escritores individuais.

Enfocando o tema dende unha perspectiva máis oblicua, vinme recentemente sorprendido polas grandes semellanzas entre dúas mostras de 'poesía arcaica' que estiven a ler: a poesía galego-portuguesa e os versos do Shih-Ching, unha antoloxía chinesa escrita entre o 1100 e o 500 antes da nosa era. Por suposto, as diferenzas son inmensas (en temática, formas e recursos métricos, importancia da autoría individual, funcións sociais da poesía...), mais chama a atención o intenso emprego nos dous casos do paralelismo entre versos como recurso principal, xunto coa presenza ubicua de imaxinería natural (a natureza como metáfora, símil ou -personificada-, personaxe co que dialoga a voz poética) e da temática amorosa, con frecuente enunciador feminino.

Son rasgos que podemos topar en moitos outros exemplos de poesía antiquísima: no Exeter Book e na lírica anglosaxona, na poesía bíblica, nas odas e epopeias gregas, nos papiros exipcios... E non só teñen o seu engado, senón que apuntan a unha época de transición entre a oralidade e a escrita, na que os primeiros elementos do poético nacen (quizaves) como estratexias mnemotécnicas para que os rapsodas arrinquen das súas cabezas toda unha presada de cantos. En definitiva, os Pazos da Memoria da retórica antiga e renacentista


sexta-feira, julho 15, 2011

Non prende a isca

Por mor das recentes celebracións epitalámicas, xa conto nas miñas mans, como agasallo, o meu primeiro e-reader: nada menos que o Kindle 3 de Amazon. Como xa tiven ocasión de probalo, anque sexa superficialmente, podo voltar ao rego de entradas anteriores arredor dos libros electrónicos, cunha pequena listaxe empírica de virtudes e defectos do aparello:

No lado positivo, temos o escaso peso da máquina (máis lixeiro que un libro paperback), unha capacidade de almacenamento digna, unha batería duradeira e o emprego dunha tinta electrónica que non cansa para nada á vista.

No lado negativo, nembargantes, temos que o tamaño da pantalla paréceme pequeno (o que trae problemas cos tamaños de letra anque dispoñas o texto en horizontal); a imaxe é en branco e negro (tes que renunciar a comics e a libros de arte); a 'interacción' co aparello é algo ríxida e non táctil (unha ventaxa que ten, pola contra, o i-pad); se non estás lendo un libro do formato 'amazon' (azw), as posibilidades de ampliar a letra, consultar palabras ou de ir a páxinas concretas do libro desaparecen (iso no caso de que poidas abrir o formato, claro está). No caso de documentos en pdf onde unha páxina é o escaneo de dúas dun libro físico, o e-book torna totalmente ilexíbel, dado o tamaño minúsculo dos caracteres: hai un sistema de zoom parcial, mais é tremendamente latoso e fai a lectura nada práctica.

O balance acaba inclinándose do lado negativo, é unha impresión que comparte o compañeiro e blogueiro Manuel Lopes, que estes días andivo probando os papyres da biblioteca Ánxel Casal. Pode que o e-reader sexa o futuro, mais polo momento é un presente pouco satisfactorio. Moito máis no meu caso, en que emprego a maquiniña para ler libros descargados de balde en internet e que soen estar en formatos pdf. Ou sexa que lle poño un 4 ao producto, e que se vaian aplicando para setembro: o kindle (verbo inglés que significa 'prender lume', 'quencer') déixame frío e apagado polo momento, anque penso sacarlle bo uso naqueles libros que mo permitan (conversións mediante de formatos varios). It just doesn't kindle me.