sexta-feira, julho 22, 2011

Poesía Arcaica

No ronsel das varias lecturas do verán e dos actos de presentación de Antítese Nativa (recentemente en Pontevedra; conto con pendurarvos o video eiquí) andivéronme ás voltas no maxín as sempiternas preguntas arredor da esencia do ser poético. Indubidábelmente, non hai respostas sinxelas, de consenso e universais á pregunta de 'que é a poesía', anque para tratarse dun terreo tan espiñento, eu dende logo teño un concepto bastante claro do que é a poesía para min: unha das diferentes artes que ten como materia e punto de partida a linguaxe (oral e escrita) e que sempre inclúe en alto grado un elemento estético e formalista por oposición aos máis habituais aspectos pragmáticos e comunicativos das línguas, e que pode ocupar un papel maior ou menor, dependendo de tradicións, países, grupos e escritores individuais.

Enfocando o tema dende unha perspectiva máis oblicua, vinme recentemente sorprendido polas grandes semellanzas entre dúas mostras de 'poesía arcaica' que estiven a ler: a poesía galego-portuguesa e os versos do Shih-Ching, unha antoloxía chinesa escrita entre o 1100 e o 500 antes da nosa era. Por suposto, as diferenzas son inmensas (en temática, formas e recursos métricos, importancia da autoría individual, funcións sociais da poesía...), mais chama a atención o intenso emprego nos dous casos do paralelismo entre versos como recurso principal, xunto coa presenza ubicua de imaxinería natural (a natureza como metáfora, símil ou -personificada-, personaxe co que dialoga a voz poética) e da temática amorosa, con frecuente enunciador feminino.

Son rasgos que podemos topar en moitos outros exemplos de poesía antiquísima: no Exeter Book e na lírica anglosaxona, na poesía bíblica, nas odas e epopeias gregas, nos papiros exipcios... E non só teñen o seu engado, senón que apuntan a unha época de transición entre a oralidade e a escrita, na que os primeiros elementos do poético nacen (quizaves) como estratexias mnemotécnicas para que os rapsodas arrinquen das súas cabezas toda unha presada de cantos. En definitiva, os Pazos da Memoria da retórica antiga e renacentista


1 comentário:

fgul disse...

Boas Manolo: Xa temos algúns videos:

http://manuellrodrigues.blogspot.com/2011/07/lanzamento-de-antitese-nativa-en.html