quarta-feira, novembro 30, 2011

Libros do Mes

The Art of Chinese Poetry, de James J.Y. Liu [E]

Hogfather, de Terry Pratchett

China’s Cosmopolitan Empire: The Tang Dynasty, de Mark Edward Lewis [E]

*The Pillow Book, de Sei Shonagon / McKinney (tr.) [R]

*La cultura. Todo lo que hay que saber, de Dietrich Schwanitz [E]

*The Columbia History of Chinese Literature, de Victor H. Mair (ed.) [E]

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

domingo, novembro 27, 2011

Cidade-Almofada

Onte e antonte o mantedor paseou os seus pasos pola Cidade Condal, co gallo dun congreso sobre literatura electrónica (Mapping e-lit: Reading and analysis of digital literature) no que tamén fixeron acto de presenza os galegos María Yañez e David Muiño.

A miña parrafada versou sobre Peter Greenaway e a súa adaptación filmica do Libro da Almofada (枕草子, Makura no Sōshi), un clásico da literatura medieval xaponesa a cargo de Sei Shōnagon e que descola polas súas extravagantes e inxeniosas listas.

Por hoxe déixovos cun fotograma e cun título: "Del Libro de Arena al Libro de la Almohada. Las propuestas de cine hipertextual de Peter Greenaway".

sábado, novembro 19, 2011

Oniromancia revisited

Desta volta, o telón de fondo é un Santiago irreal, no que non era quen de recoñecer os edificios, malia describirlle aos meus acompañantes un templete (barroco de placas) ao fondo; Sentamos uns intres nas laxes dunha praza descoñecida, diante dun longo e antergo edificio de pedras senlleiras e cuberto dun tapiz de verdísima hedra. Dentro do soño, teño a sensación de estar bébedo, sensación confirmada cando ao ollar para a miña esquerda e ver a Fernando Ónega e outros xornalistas, me poño a discutir con eles e con etílica elocuencia arredor das virtudes e defectos de Juan Ramón Jiménez: a segunda Antolojía ben, pero algo cursi e repetitiva; o conto do burro, insufríbel...