sábado, dezembro 31, 2011

Libros do Mes

Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

The Pillow Book, de Sei Shonagon / McKinney (tr.) [R]

La cultura. Todo lo que hay que saber, de Dietrich Schwanitz [E]

Ártico 2.0 de Xavier Queipo

The Two Noble Kinsmen, de William Shakespeare

Gran Enciclopedia Sapiens Temática: Geografía, de Trama Equipo Editorial

*The Columbia Anthology of Traditional Chinese Literature, de Victor H. Mair (ed.)

*The Columbia History of Chinese Literature, de Victor H. Mair (ed.) [E]

sábado, dezembro 24, 2011

Os Traballos e os Días

Últimamente, os dous únicos temas que conseguen arrincarme da preguiza blogueira son, como vedes, soños e libros...

Polo que toca aos primeiros, irá unha semana cando o meu subconsciente, moito máis creativo que a persona que fala e pensa polo día, teceu a seguinte historia: estou a ver un documental en branco e negro sobre Sigmund Freud. Voz en off: "O Dr. Freud foi o primeiro en descubrir o curso subterráneo do subconsciente, que é coma unha serpe ou un dragón agochado". En pantalla vese un dragón retorcido e sinuoso, de clara filiación Fritzlangeá (vid. Die Niebelungen) que da paso, en fundido en negro, a esceas da Primeira Guerra Mundial. A seguinte asociación leva ao plano máis ao leste, á Rusia bolchevique da revolución: a turba (entre a que me inclúo) asalta un castelo; dende as almeas, o físico norteamericano Sheldon Lee Glashow chámanos parvos, e di que os gringos estaban a piques de concedernos o segredo da eterna riqueza e felicidade antes de que atacaramos...


Pola parte da letra impresa, ando estes días a debullar entre outras cousas unha historia e unha antoloxía da literatura chinesa clásica: dous volumes máis grosos que o mantedor e que prometen terme ocupado por moitos dos meses do 2012 que paseniñamente nos vai chegando. De especial interese me resultou contrastar 3 traducións diferentes do mesmo poema: O Séptimo Mes (número 154 na orde do mestre Mao do Clásico das Odas, Shih Ching). É este un auténtico 'Os traballos e os días' chinés, no que se glosan, como na obra de Hesíodo, as diferentes labores de cada estación e cada mes do ano. A evocación ao primeiro poeta de Europa tamén me fixo cavilar en que 'Os traballos e os días' non é mal título para esta bitácora e diario semi-indiscreto que levo xa máis dun lustro compartindo convosco, xa sexa dende as torres de Camelot ou o pazo de Trasalba...

sábado, dezembro 17, 2011

Pastel de Cenoura


Despois dun interregno de mais dun ano, xa que a producción de doces é perigosa para a liña de flotación de calquera, e co gallo do Nadal e dunha chocolatada inminente no traballo, eis un postre sinxelo e rico (o maior traballo dao mesturar as claras a punto de neve e pelar as noces do recheo. Que non todo vai a ser cenouras...).

domingo, dezembro 11, 2011

Libro vs. Televexo

A medida que a televisión ten gañado terreo, os mestres queixanse sempre do mesmo: nos nenos, o nivel de tolerancia fronte á frustración vai diminuíndo, ata o punto de que xa non son quen de soportar a demora que comportan os procesos de formación do senso. É por isto que non son capaces de concebir a clase coma un proceso de aprendizaxe, senón coma un entretemento.


Victimas da ofuscación colectiva, os sucesivos ministros de educación reduciron progresivamente o valor da expresión escrita na escola e na avaliación dos alumnos, primando a expresión oral. Nunha época na que a comunicación oral gaña cada vez máis terreo, descoidan o carácter modélico da comunicación escrita. Deste xeito, foron reducindo o que constitúe a función máis específica da escola fronte á familia. Somentes seguen adquirindo o hábito da lectura e a escrita aqueles nenos en cuxos fogares estas actividades son algo obvio: os nenos das capas cultas da burguesía. Nestes fogares, os pais vixían e limitan o consumo da televisión dos seus fillos, tentando que sexan fundamentalmente os libros os que satisfagan a súa necesidade de fantasía. Os nenos só deberían ver a tele cando a lectura teña deixado de ser para eles unha actividade penosa e se teña convertido nun pracer.

Dietrich Schwanitz, La cultura. Todo lo que hay que saber, páxinas 641-2