terça-feira, janeiro 31, 2012

Libros do Mes

Fungi from Yuggoth, de H.P. Lovecraft

*Wind in the Pines, de Dennis Hirota (ed.)

*The Columbia Anthology of Traditional Chinese Literature, de Victor H. Mair (ed.)

*The Columbia History of Chinese Literature, de Victor H. Mair (ed.) [E]

domingo, janeiro 15, 2012

Cores Nocturnas

Cando vou e veño do traballo, acompáñanme habitualmente os sons de Radio Clásica - Radio Nacional de España. Digo habitualmente, que non sempre, porque teñen a mala manía de inserir con demasiada frecuencia programas e tipos de música que aborrezo (zarzuela as mañás do luns, música de banda os martes, e esporádicos aturuxos da miña némese, o flamenco). Mais case todo o podo perdoar a cambio do espazo musical que me acompaña nos retornos: Los colores de la noche, de Sergio Pagán (intérprete, musicólogo e responsábel do departamento de música antiga de Radio Clásica).

É que este oasis melómano, que se autodescrebe coma "Espacio abierto a músicas variadas que nos eleven el ánimo y hagan de esa hora un buen momento para terminar el día", fai moito máis levadeiro os meus percorridos en coche (cousa que, coma o flamenco, me gorenta ben pouco. Xa comentáramos nesta mesma bitácora a sensación funeraria que me produce) e permíteme relaxarme cos acordes da música antiga, renacentista, barroca e clásica. De particular engado foi o programa do martes pasado, adicado a Hildegard von Bingen, Buxtehude, madrigais e Schubert. Un programa do que podedes disfrutar eiquí.

Se as súas horas non vos resultan propicias, non deixedes de escoitar os podcasts do programa naqueles intres que necesitedes pracer, descanso e a agradábel sensación de que os cartos públicos tamén se empregan, por veces, en cousas de valor e de interese. Opinión compartida, por certo, por Antonio Muñoz Molina nunha entrada da súa bitácora na que fala deste mesmo programa, entre outras cousas...

sexta-feira, janeiro 06, 2012

Fiat Lux

O maio pasado tiven ocasión de facer unha escapada cultural á Villa y Corte. Malia as miñas reticencias coa arte contemporánea, non me disgustou unha instalación no Reina Sofía da artista xaponesa Yayoi Kusama, e que consistía nunha sala a percorrer, semiescura, e iluminada por múltiples puntos de luz que ían cambiando de cor e que, reflexados en espellos e nun chan de auga, creaban a sensación dun espazo infinito. Eis unha das fotos que lle tirei...

domingo, janeiro 01, 2012

Reseñas - Sunflower Splendor

Sunflower Splendor: Three thousand years of Chinese Poetry

Wu-chi Liu e Irving Yucheng Lo (editores)

1990, Indiana University Press

* * * * * (excelente)

Unha magnífica antoloxía coa que introducirse na poesía chinesa clásica.


O noso canon é, por forza, eurocéntrico. Nesta ocasión non o formulo como crítica, senón como recoñecemento obxectivo de feitos. É unha tendencia que, en contra das apariencias, seguramente seguirá indo a mais, xa que cada vez hai máis textos no mercado e menos tempo para lelos todos. Esta é unha das razóns polas que os lectores europeos agradecemos a existencia de grandes antoloxías que abarquen toda unha tradición literaria e lingüística; malia as innumerábeis limitacións e simplificacións, permítennos contar cunha brúxula de textos traducidos que fan de primeiro chanzo na escalinata ascensional cara outros e lonxanos mundos das artes e das letras.

Sunflower Splendor é unha lectura obrigada dentro destas antoloxías. Ao longo das súas máis de 500 páxinas, o lector en lingua anglosaxona pode familiarizarse cos 3000 anos de tradición ininterrompida da poesía chinesa. O corpus é por necesidade bastante amplo, incluíndo autores de tódalas épocas, e a colaboración conxunta de máis de 50 traductores. Unha labor titánica cuxa lectura nos deixará un esquema co que orientarnos e unha mostra suficiente de textos e estilos diversos a excitar o padal a anos luz daquelas escuálidas antoloxías de poesía da época T'ang que son do pouco que chega ás nosas mans nas librerías destes lares. Descubriremos a poesía antiquísima e paralelística do Libro das Odas, o exotismo chamánico da poesía sao, as baladas e versos cortesáns do periodo da desunión, o bucolismo de T'ao Ch'ien e Hsieh Ling-yün; por suposto, e en extenso, os 'novos poemas' da dinastía T'ang, o verso lírico (tzu) das casas de pracer e que florece na dinastía Song; as arias teatrais (chü) da dominación mongola e os requintados esforzos neoclásicos da escrita poética dos séculos posteriores. É un fresco extenso, rico e variado, onde resulta difícil non atopar cadeas e cadeas de magníficos poemas.

A antoloxía carece de defectos serios dignos de mención. Podería ser máis extensa, atendendo á cantidade de tempo que ocupa e a calidade de autores que produciu o Reino do Medio, mais supoño que os editores xa toparon con ímprobos problemas á hora de convencer á editorial para publicar 500 páxinas de poesía oriental. A participación de tantos traductores xera, tamén, estilos de traducción moi desiguais, e con diferente grado de éxito. Mais é algo inevitábel e doado de perdoar, a teor dos méritos probados da obra global.

Só me fica recomendarvos a obra encarecidamente se queredes ter unha visión algo sólida da poesía chinesa. Seguramente complementan esta obra, se vos metedes máis en labor, The Art of Chinese Poetry, de James J.Y. Liu (estudo teórico sobre as características de escrita chinesa, da língua, da súa poesía, xéneros e reflexións teóricas arredor desta) e a Columbia Anthology of Traditional Chinese Literature de Victor Mair (se queredes, xunto con poemas, ver unha perspectiva da prosa, da ficción e do teatro).