quinta-feira, maio 31, 2012

Libros do Mes


The Japanese Tea Ceremony, Cha-No-Yu, de A.L. Sadler [R]

Cantar de Mio Cid, de anon. [R]

Outono aquí, de Mario Regueira

Textos clásicos de teoría de la literatura, de Mª Luisa Burguera (ed.)

Chado: the Japanese way of tea, de Sen Shoshitsu [R]

Hōgen Monogatari, de Robert Wilson (tr.)

*Hestoria universal de Paniceiros, de Xuan Bello

*Galicia, unha luz no Atlántico, de Victor Freixanes (ed.)

*Estudios sobre el Romancero, de Ramón Menéndez Pidal

sexta-feira, maio 18, 2012

Maitreya

Dentro das tradicións do budismo Mahayana, o típico do estremo oriente (Xapón, China, Mongolia, Tíbet) está a crenza nun complexo e numeroso panteón de divinidades protectoras. Fronte á escaseza e modestia do  Buda histórico engadiron unha presada de Budas presentes nos diferentes mundos e universos, e cada un obxecto de cultos particulares: o sandador Bhaisajyaguru, o eterno e supremo Vairocana, o señor da Terra Pura de Occidente Amitābha, Akshobhya 'o inamovíbel', son algúns dos máis importantes. Por debaixo estarían seres coma os 'reises da sabedoría' (vidyarāja) e, sobre todo, os bodhisattvas, pedra angular da teoloxía Mahayana.

En efecto, os bodhisattvas son para estes o obxecto de maior aprezo e devoción. Considéranse como tales aqueles seres iluminados que, malia poderen acadar a iluminación e o estadio de budidade para si, escollen retrasar e transferir os seus méritos para conseguir a salvación de tódolos demais seres vivintes. Esta filosofía do sacrificio heroico oporíase ao ideal clásico do budismo tradicionalista (Theravada) que, fronte ao 'camiño do bodhisattva', propón como vía a seguir e a imitar o  'camiño do arhat' (buscar un mesmo acadar a iluminación e acceder ao Nirvana).

Entre os bodhisattva máis coñecidos están Avalokiteśvara e Mahāsthāmaprāpta (os axudantes do Buda Amida), Mañjuśrī e Samantabhadra (os axudantes do Buda Gautama) ou Ksitigarbha, o salvador dos condenados infernais. Nembargantes, o que agocha maior interese para min é, pola contra, Maitreya. Maitreya é unha figura mesiánica: o Buda que virá. Cando, dentro dunha presada de miles de millóns de anos, as ensinanzas do Buda histórico fiquen esquencidas, el descenderá á terra, e predicará de novo a doutrina budista.  

Na actualidade, Maitreya é aínda un bodhisattva, de nome Nātha ('Protector'), que agarda no Paraíso de Tushita a súa futura reencarnación. Moitos budistas practicantes fan a promesa de renacer na súa seguinte vida en Tushita co gallo de poderen escoitar as súas ensinanzas e de renacer na terra no remoto futuro en que se convirta en Buda.

O culto a Maitreya está bastante extendido entre os budistas de tódalas denominacións, anque xa teña sido máis popular do que é. Conta con representacións no arte greco-bactriano, mais as imaxes que máis me gorentan del son unhas estatuiñas pequenas que nos séculos V-VI de nosa era se popularizaron por Corea e Xapón. Nelas aparece meditativo, coa perna dereita dobrada enriba da esquerda, e transmitindo un engado sobrenatural e filosófico, non tan lonxano da repetida figura do Pensador de Rodin. Cando tiven oportunidade de visitar a sección do museo de Tóquio adicada ao Horyuji, farteime de ver estas figuriñas. Para que vos fagadas unha idea, aquí tedes unha delas:


quarta-feira, maio 09, 2012

A fraqueza do bolchevique

Vendo as últimas novas arredor de Bankia e da creba real do sistema financieiro español, non paran de virme á cabeza imaxes sobre como resolvería esta situación o amigo Lenin. Un comisario político, pistola ao cinto, entraría no consello de administración e anunciaría arresto e axustizamento fulminante, procedendo ao pouco tempo a fusilalos a todos, do primeiro ao derradeiro, e continuando coa confiscación dos seus patrimonios e dos das súas familias...

domingo, maio 06, 2012

Problemas de educación

Hoxe non predico verbas miñas, senón que vos aconsello pasar un chisco lendo as alleas. Acabo de descubrir unha interesante bitácora dun profesor andaluz que trata de xeito moi instructivo algúns dos problemas da educación no noso estado. O seu punto de vista é bastante liberal (cousa na que discreparíamos), mais topo lugares de encontro na defensa dunha educación mellor e mais esixente para todos. Por de pronto, recoméndovos a súa entrada sobre as novas ratios por aula e o (des)goberno no que parece estar inmerso o ministerio de educación...