sexta-feira, maio 18, 2012

Maitreya

Dentro das tradicións do budismo Mahayana, o típico do estremo oriente (Xapón, China, Mongolia, Tíbet) está a crenza nun complexo e numeroso panteón de divinidades protectoras. Fronte á escaseza e modestia do  Buda histórico engadiron unha presada de Budas presentes nos diferentes mundos e universos, e cada un obxecto de cultos particulares: o sandador Bhaisajyaguru, o eterno e supremo Vairocana, o señor da Terra Pura de Occidente Amitābha, Akshobhya 'o inamovíbel', son algúns dos máis importantes. Por debaixo estarían seres coma os 'reises da sabedoría' (vidyarāja) e, sobre todo, os bodhisattvas, pedra angular da teoloxía Mahayana.

En efecto, os bodhisattvas son para estes o obxecto de maior aprezo e devoción. Considéranse como tales aqueles seres iluminados que, malia poderen acadar a iluminación e o estadio de budidade para si, escollen retrasar e transferir os seus méritos para conseguir a salvación de tódolos demais seres vivintes. Esta filosofía do sacrificio heroico oporíase ao ideal clásico do budismo tradicionalista (Theravada) que, fronte ao 'camiño do bodhisattva', propón como vía a seguir e a imitar o  'camiño do arhat' (buscar un mesmo acadar a iluminación e acceder ao Nirvana).

Entre os bodhisattva máis coñecidos están Avalokiteśvara e Mahāsthāmaprāpta (os axudantes do Buda Amida), Mañjuśrī e Samantabhadra (os axudantes do Buda Gautama) ou Ksitigarbha, o salvador dos condenados infernais. Nembargantes, o que agocha maior interese para min é, pola contra, Maitreya. Maitreya é unha figura mesiánica: o Buda que virá. Cando, dentro dunha presada de miles de millóns de anos, as ensinanzas do Buda histórico fiquen esquencidas, el descenderá á terra, e predicará de novo a doutrina budista.  

Na actualidade, Maitreya é aínda un bodhisattva, de nome Nātha ('Protector'), que agarda no Paraíso de Tushita a súa futura reencarnación. Moitos budistas practicantes fan a promesa de renacer na súa seguinte vida en Tushita co gallo de poderen escoitar as súas ensinanzas e de renacer na terra no remoto futuro en que se convirta en Buda.

O culto a Maitreya está bastante extendido entre os budistas de tódalas denominacións, anque xa teña sido máis popular do que é. Conta con representacións no arte greco-bactriano, mais as imaxes que máis me gorentan del son unhas estatuiñas pequenas que nos séculos V-VI de nosa era se popularizaron por Corea e Xapón. Nelas aparece meditativo, coa perna dereita dobrada enriba da esquerda, e transmitindo un engado sobrenatural e filosófico, non tan lonxano da repetida figura do Pensador de Rodin. Cando tiven oportunidade de visitar a sección do museo de Tóquio adicada ao Horyuji, farteime de ver estas figuriñas. Para que vos fagadas unha idea, aquí tedes unha delas:


Sem comentários: