domingo, janeiro 27, 2013

Tolkieniana

Entre os meus amigos é ben coñecida a miña afición polas obras e a figura de J.R.R. Tolkien, en pequena disonancia e contraste coas miñas habituais tendencias canónicas e clasicistas. O certo é que dentro da literatura xenérica, sempre me ten gorentado máis a fantasía (non só nas historias do profesor oxoniense, senón tamén nas páxinas de Moorcock e Peake) do que a ciencia ficción, malia que sexa con esta última coa que teña traballado un chisco no eido académico.

A miña primeira achega aos textos de John Ronald Reuel debeu de producirse cando andaba polos 9 anos, na pequena biblioteca composta dun dobre anaquel que tiñamos na miña aula de primaria do colexio Corpus Christi, en Bournemouth. O Hobbit facía compaña a outras obras que tamén me chistaron moito daquela e ao seu mesmo nivel, coma Charlie e a fábrica de chocolate ou Matilda de Roald Dahl. Cóntase polo tanto entre os primeiros libros que lin na lingua inglesa, naqueles días nos que o meu maxín infantil loitaba con non poucas dificultades por facerse dono daquela xiria inintelixíbel.

O segundo asalto tería que agardar a unha etapa escolar máis adiantada: no ano 97 estaba a cursar o terceiro curso de bacharelato (letras puras) no instituto Virxe do Mar (Noia); nesta ocasión o fornecedor de libros non un estante abstracto, senón un concreto compañeiro de aulas e hoxe excelente productor discográfico Borja Costa. O volume en cuestión era o Silmarillion, nunha coidadosa edición de tapas duras do Círculo de lectores, e do que o seu dono non pasara da primeira historia: 'A música dos Ainur' (Ainulindalë). 

Malia non ser nen o máis popular nen o máis 'redondo' dos libros de Tolkien (el mesmo non viviu dabondo para editalo nun formato definitivo), foi con el, coas súas historias épicas, líricas e mitolóxicas de deuses poderosos, linguas estrañas, novas razas e grandes combates co que me engaiolou definitivamente: rematei mercando o volume para min ao tempo que me ía facendo con outras obras (O señor dos aneis, os Contos inconclusos, o Libro dos contos perdidos).

A día de hoxe, o meu nivel de frikismo inclúe non só ir lendo os textos máis marxinais e secundarios da súa escrita, ou pasar polo cine para disfrutar coas adaptacións da súa obra, cortesía de Peter Jackson, senón a planificación futura de facerme con edicións de luxo, carísimas, dos seus volumes, e a participar na escolástica textual xerada polos seus textos. Para ilustrala, nalgunha xornada vindeira, debatiremos arredor dun dos cabalos de batalla dos foros de Internet: os Balrogs, o seu aspecto, e a súa capacidade para o voo... 

1 comentário:

Anónimo disse...

Hehehe Eu tamén gosto abondo do Tolkien. Non cheguei tan lonxe coma ti, pero o que lin del gustoume moito.

Unha aperta!

Moncho de Lucas.