quarta-feira, abril 17, 2013

Reseñas - Indonesia: Peoples and Histories

Indonesia: Peoples and Histories

Jean Gelman Taylor

2004, Yale University Press

* * * * (bo)

Interesante e alternativa introdución á historia (ou historias) de Indonesia e as súas xentes.

Indonesia é, para a grande maioría de nós, un país descoñecido, alén dalgúns retrincos e retallos que son quen de percorrer a enorme distancia (física e cultural) que nos separa da terra en cuestión. Entre eles poden estar o seu famoso teatro de sombras (wayang kulit), as dagas ondulantes alcumadas kris, ou keris, e que tamén comparten co pobo malaio, as danzas e templos balineses (refuxio xa dende os anos 20 de artistas e visitantes europeos á pescuda de exotismos cos que domear o cabalo bravo do ennui) ou o (re)coñecemento do arquipélago como unha das nacións musulmás máis numerosas do planeta, malia a súa posición 'excéntrica' e periférica a respeito do núcleo duro da terras islámicas, no Oriente Medio. E pouco máis (e xa é moito).

O volume que nos ocupa pode axudar a ampliar estes trazos case que de guía turística e fornecer unha visión en conxunto anque sintética (malias as súas máis de 400 páxinas) dun escenario laberíntico e complicado. Aprendemos con Gelman que Indonesia foi ao longo da súa historia máis ben unha área cultural do que un imperio ou estado unificado; unha area que presenta rasgos comúns (etnias austronésicas dominantes, caracter comercial, absorción cultural de influxos primeiro indios, logo chineses e finalmente islámicos) mais tamén enormes diverxencias (carencia, agás episodios breves e semi-lexendarios, de unificación política; variedade relixiosa e étnico-cultural enorme; divorcio entre as zonas costeiras e centrais -'civilizadas' e máis abertas ao mundo- e o interior e as illas afastadas -cunha economía agrícola rudimentaria, recolección de sustancias dos bosques e animismo, etc...).

É interesante subliñar que non estamos perante unha historia ao uso, como ben se ve dende o seu título. Gelman pretende encetar, dun xeito bastante posmoderno (no mellor senso da palabra, que é un senso que case nunca emprego) un mosaico de diferentes historias e voces, suprimidas nas interpretacións históricas máis canónicas de obras máis convencionais e que xiran arredor de dous grandes paradigmas: o da historia colonial de Indonesia (país creado como unidade, ao fin e ao cabo, e nas súas fronteiras actuais, tan só polo dominio colonial holandes) e o da historia nacionalista post-independencia. Ámbolos dous modelos crean visións simplificadas da realidade que ignoran e eslúen numerosos episodios, grupos e feitos (como a colaboración imprescindíbel e constante das élites locais no mantemento dun sistema colonial con moi escasa presenza dos holandeses, as historias locais á marxe de Xava, a 'Castela' do arquipélago, ou as mulleres significadas que non encaixan nos moldes e nos prexuízos dos historiadores nacionalistas ou coloniais). Estas diferentes historias entretécense coa trama narrativa principal a través de cadros de texto insertados no decurso desta e cando mellor encaixan con ela.

Indonesia: Peoples and Histories é un libro interesante que non deixo de recomendarvos, anque seguramente o voso coñecemento da zona e dos seus labirintos gañe moito se o acompañades dunha obra máis convencional e voluminosa arredor do que, malia o seu carácter actual de estado-nación, é en realidade un universo en miniatura, cunha riqueza e diversidade sorprendentes.
 

Sem comentários: