quarta-feira, setembro 03, 2014

Sadness II

Setembro é para mín un mes dunha certa melancolía; non pensedes, malevos, que é polo retorno ás aulas, senón máis ben pola sensación de fìn que este retorno produce: as primeiras semanas son, en realidade, as derradeiras do curso anterior, cos exames de recuperación; a maiores, cando aínda non se ten destino definitivo, poden ser os últimos días que pasas no centro, ou cos anteriores compañeiros de traballo.

Encirrando o sentimento outonizo ven tamén un poema de Tanikawa Shuntarō, parte da antoloxía de literatura asiática que desnovelo estes días, e titulado 'Tristeza II', e que debulla unha serie de obxectos cotiáns que evocan na voz poética a citada emoción. Erguendo o ollar das páxinas, fito para os meus outros libros, e cavilo nestes obxectos tan valiosos para mín e que fican orfos cando se ausenta ou sufre o seu pasamento o dono-lector. Abandonados na non lectura, tristes iconos a convertérense en polpa descomposta, véñenme ao maxín as bibliotecas das casas-museos de escritores, prisioneiros tralas vitrinas; e moi particularme as do Pazo de Trasalba físico, non o meu dixital, de Ramón Otero Pedraio, onde os volumes que adoraba o egrexio petrucio languidecen en anaqueis e gaiolas de cristal.

Sem comentários: