domingo, novembro 30, 2014

Libros do Mes

Palazzo Te: Giulio Romano’s Masterwork in Mantua de Ugo Bazzotti

Relación de las cosas del mundo de Zhang Hua

The Simulacra de Philip K. Dick

Soul Music de Terry Pratchett [E]

*Postmetropolis de Edward W. Soja

domingo, novembro 23, 2014

Manrique xa non lles dí nada aos adolescentes

... por non falar xa do meu adorado Juan de Mena. Do marqués de Santillana só asimilan, cun xesto de desprezo, que as Serranillas son patriarcais e machistas, e incompatíbeis coa sociedade (pos)moderna (e o mantedor pensa "máis que as letras do reguetón?").

Tampouco é cousa de idealizar a nosa propia xuventude (como, a nuestro parecer / cualquier tiempo pasado / fué mejor), mais alomenos no meu caso particular, os temas, ou teimas, da chegada inevitable da morte, do ubi sunt, do homo viator, da vita flumen ou da vanitas vanitatum, todo aderezado coa sinxela linguaxe manriqueña e o ritmo atraínte da copla de pie quebrado, tocaban unha fibra sensible, cunha réplica iconográfica perfecta no cadro O triunfo da morte de Pieter Brueghel o Vello, que sempre me causaba un arreguizo de terror cando o topaba entre as páxinas da Crónica da Humanidade ilustrando a entrada sobre a Peste Negra...


domingo, novembro 16, 2014

Reseñas - Relación de las cosas del mundo

Relación de las cosas del mundo

Zhang Hua (traducen Yao Ning e Gabriel García-Noblejas)

2001, Trotta - Pliegos de Oriente / UNESCO

* * (regular)

Restos dunha enciclopedia traducidos cun chisco de desleixo. Porén, un clásico chinés necesario para frikies do eido.

É o Bowuzhi (o título orixinal da obra que nos ocupa) unha peza que faría as delicias de Borges, e que tal parece sacada do seu maxín, das súas clasificacións e enciclopedias imaxinarias de estremo oriente.  O texto consiste nos restos fragmentarios (apenas uns 10 capítulos dos 300 orixinais) dunha inmensa enciclopedia na que o polígrafo, poeta e ministro Zhang Hua (232-300), unha das figuras literarias máis senlleiras do periodo Jin Occidental (265-316), facía unha perspectiva detallada de lendas, historias, alquimia, farmacopea, botánica, antropoloxía e xeografía anterga chinesa. 

Por desgracia, e no seu estadio actual de semiruina rescatada penosamente, anaco a anaco, pedra a pedra, doutras enciclopedias e refundicións, a Relación de las cosas del mundo ten un interese relativamente menor, anque ilumina e complemente curiosidades intelectuais nos terreos denantes citados (anque moitas veces con información semellante á que se topa en obras contemporáneas coma o Shang Hai Jing). Podedes imaxinala coma un equivalente asiático das Antigüidades Xudaicas de Xosefo ou dos fragmentos anticuarios de Varrón: unha auténtica e antiga tenda de curiosidades. 

Persoalmente, xa tiven ocasión de ler outros textos do mesmo autor, na forma dun libriño pequeno coa totalidade da súa obra poética conservada e un pequeno perfíl biográfico; coñecemento previo que fixo de catalizador, na ausencia de tradución inglesa accesible deste texto, da súa compra e lectura. Porén, teño que lamentar que a tradución presenta moitos dos típicos erros que nacen da ausencia dunha tradición académica de estudos siníticos na península e que xa teño topado noutras versións españolas de clásicos chineses: as traducións son moitas veces 'indirectas' e a dúas mans (un chinés que coñece a língua clásica e un occidental que 'pule' e refina a primeira versión) e cólanse numerosos erros nas notas, comentarios e mesmo no texto que calquera que coñeza un chisco de cultura chinesa clásica detecta rápidamente máis que dan unha sensación de desleixo. Hai confusións en dinastías e emperadores, confusións en periodos históricos, confusión de títulos dos señores feudais e, aínda máis grave, descoidos co nome da mesma persoa; así, podemos ver nun anaco referencia ao poeta Wang Can e, pouco despois, mención dun tal 'rei Can' (erro básico que parte de que o nome do poeta, Wang, é tamén a forma chinesa de 'rei').

Porén, quixera rematar cunha nota optimista, aplaudindo unha colección como a de 'Pliegos de Oriente' e só desexando que poñan algo máis de esmero no futuro. As traducións moitas veces (e falo por experiencia propia) fanse nuns tempos estresantes e limitados e non sempre por profesionais da especifiquísima materia que trate un texto, mais un chisco máis de tento e revisión serían de agradecer nunha obra que, amais, leva o carimbo da UNESCO.


domingo, novembro 09, 2014

Moorcock, o carallán

The Dancers at the End of Time

Michael Moorcock

1981, Book Club Associates

* * * * (bo)


Entretida e hilarante exploración dun futuro remoto e hedonista e dos contrastes entre unha sociedade hipermoral (e hipócrita) e unha sociedade amoral (e aburrida).

Como xa sabedes, Michael Moorcock é unha das vacas sagradas do mantedor desta bitácora, un escritor que case sempre consegue entreterme e instruírme a partes iguais (anque tamén é humano, e como vive de vender libros, ten compilacións e relatos escritos co piloto automático de máis ben dubidosa calidade). Moitas das súas novelas, pertencentes ao ciclo do 'Campión Eterno' son, en realidade, variacións sobre un mesmo tema, algunhas máis logradas que outras (o ciclo de Elric, por exemplo, moito mellor que os de Corum ou Dorian Hawkmoon, anque estes tamén teñan os seus encantos e deliciosas peculiaridades).

Porén, e anque The Dancers poida encadrarse de xeito laxo entre as series do Campión Eterno, realmente o que Moorcock fai nas tres novelas que compoñen esta triloxía (An Alien Heat, The Hollow Lands e The End of All Songs) é virar o taboleiro de xadrez e porse a xogar ao backgammon. Expliquémonos.

A premisa e o elemento sustentante que está por detrás de The Dancers é o que, un pouco informalmente, poderíamos definir, no mellor sentido do termo, como unha carallada: Moorcock decide confrontar a través de dous personaxes e o seu (posible) amorío a dúas sociedades nos estremos máis radicais posíbeis da moralidade: dun lado temos a Jherek Carnelian, habitante da 'Fin dos Tempos', un periodo no que os escasos humanos que fican son decadentes inmortais adicados aos praceres e a xogos de omnipotencia facilitados por aneis de poder creados polos seus ancestros millóns de anos antes; podendo resucitar a vontade e alterar o mundo físico que os rodea cun mero chiscar dos dedos, as súas vidas indolentes só afrontan o obstáculo do aburrimento e as visitas ocasionais de viaxeiros do tempo e do espacio, moitos dos cales pasan a engrosar as coleccións e os 'zoos' privados desta sociedade.  Coma tódolos seus contemporáneos, Jherek é un ser totalmente amoral, coas peculiaridades propias de ser o último home nacido "ao xeito tradicional" e de posuír unha curiosidade arqueolóxica no século XIX da historia humana, que se dedica a recrear con cómida torpeza e confusión. Toda a trama da novela comeza co seu intento por comprender o concepto de "moralidade" que aparece nalgúns dos rexistros documentais do pasado que chegan ás súas mans.
E eiquí é onde entra en escea a outra personaxe principal, que ao contrario que Jherek, que non sabía nada de moralidade, sabe todo o que hai que saber dela: a señora Amelia Underwood, unha matrona victoriana arrastrada de xeito pouco claro ao futuro "dexenerado" da Fín dos Tempos e que rápidamente interesa a Jherek como fonte de coñecementos e coma obxectivo amoroso (o amor tamén está medio esquencido na hedonista sociedade da Fín dos Tempos, ao contrario que tódalas formas imaxinables de sexualidade, incluídos incestos gráficamente descritos e presentados coa naturalidade con que se practican no seu tempo).

Con tales mimbres, podedes imaxinar o cesto que forxa o escritor londinense: a historia é unha humorada onde rir a cachón coas torpezas e anacronismos de Jherek na súa reconstrucción do século XIX, da súa lenta "educación sentimental e moral" e dos agudos contrastes e malentendidos que provocan os subseguintes viaxes no tempo (incluída á Inglaterra Victoriana) nos que Jherek pescuda á súa desaparecida e amada Amelia no seu Bromley natal, un aburrido e monótono suburbio do Londres decimonómico nas antípodas da exhuberancia futurista e decadente da que provén o protagonista. Polo medio aparecen interesantes esceas e personaxes secundarias, como H.G. Wells (co que Jherek discute nunha viaxe en tren sobre viaxes no tempo), a Orquídea de Ferro, nai do protagonista ou o maquiavélico e misterioso Lord Jagged de Canaria.

En conclusión, Moorcock creou unha obra cómica e deliciosa case como unha desas "morality tales" do teatro medieval inglés, obra que se le con regusto e na que se ven con moita claridade algunhas das paixóns do seu narrador: a Inglaterra Victoriana, o decadentismo fin-de-siècle e unha certa cosmovisión hippie e decadentista (como sería unha sociedade amoral e omnipotente) unida ao concepto de que o 'equilibrio' ideal para os seres humanos está entre un caos de ausencia de normas e infinitas posibilidades (que estanca na repetición aburrida e vangardista do perpetuum mobile) e unha lei de normas lóxicas, inmutables e claras (que estanca na idolización e fosilización dunha orde que non será sempre valida e correcta, e que esclerotiza a libertade e a creatividade humanas).