terça-feira, março 31, 2015

Liberum Donum (2) e Libros do Mes

Eis o epílogo do anterior agasallo: aquí van os dous volumes que Manuel López puxo nas miñas mans aproveitando a nosa paseata cultural de onte. Coñecendo como coñece o meu filosemitismo e gusto pola poesía, o autor de Antítese Nativa forneceume dos versos da poeta israelí Hamutal Bar-Yosef, e dos galaicos de Chus Pato.



















Canto aos libros do mes, progreso algo máis lento nas lecturas do que desexaría. Vexamos se aproveito os días que fican da Semana Santa para acelerar un algo...

Los Jardines de Luz de Amin Maalouf

*Piers Plowman de William Langland

*La Divina Commedia – Purgatorio de Dante Alighieri / A.M. Chiavacci

*The Life of Samuel Johnson, LL.D. de James Boswell [E]

sexta-feira, março 20, 2015

Reseñas - Los Jardines de Luz

Los Jardines de Luz

Amin Maalouf

1994, Editorial Círculo de Lectores

* * * * (bo)

Estupenda novela histórica sobre a vida do profeta Mani, fundador do maniqueísmo, e exemplo de sincretismo e de tolerancia.

Os Xardíns de Luz é unha das novelas históricas de Amin Maalouf, escritor libanés en lingua francesa e que amosa particular devoción polo xénero. En galego contamos con algún dos seus títulos, nomeadamente A Viaxe de Baldassare, a cuxa presentación, co autor de corpo presente, asistín uns anos atrás no salón de actos de filoloxía. Porén, o volume que hoxe nos ocupa aínda non foi traducido á língua de Rosalía.

Narra a novela a biografía de Mani, un persa que no século terceiro da nosa era fundou unha nova relixión, síntese do cristianismo, do budismo e do zoroastrismo e que polo nome do seu fundador foi coñecida como a Igrexa Maniquea, tendo singular fortuna durante séculos en oriente e occidente antes da súa desaparición e caída en esquecemento, alá polo século XIII.

Achádegos históricos e arqueolóxicos do século XX permitíronnos saber algo máis desta relixión e do seu fundador en primeira persoa, e non a través das polémicas dos seus adversarios. Precisamente, Maalouf baséase nun destes documentos recuperados, o Codex Manichaicus Coloniensis para esbozar a vida, entre a ficción e a historia, do profeta coxo e artista de renome.

A vida de Mani vaise desnovelando nunha serie de episodios en orde cronolóxica, comezando coa súa vida de neno nun palmeiral cos monxes ascetas da seita dos Elcesaites e continuando coa súa revelación (a través dun seu xemelgo espiritual, o syzygos), prédica inicial en Ctesifonte, capital do imperio Sasánida, viaxe á India, retorno a Ctesifonte e á corte dos Emperadores Sapor e Ormuz, que lle dan apoio e liberdade de predicación, e finalmente, as loitas contra él dos magos da igrexa oficial e o martirio de Mani baixo a éxida do Emperador Bahram.

Máis alá da biografía, mestura de ficción e realidade, do apóstolo parto, e  lendo entre liñas, podemos ver detrás do protagonista e a súa defensa da liberdade e da tolerancia a propia voz de Maalouf, nativo dun país multicultural, auténtica 'Suíza do Oriente Medio' que rematou desgarrada polos confictos étnicos e relixiosos dos diferentes fundamentalismos de turno. Unha voz e un brado que segue tendo a mesma actualidade hoxe que no século III.

Unha última nota para gabar a coidada edición de Círculo de Lectores, que fai que un estupendo contido se vista cun non menos aprezable continente cosido, de tapas duras e bo papel.

domingo, março 15, 2015

Liberum donum

Moi agradecido a Ramón Blanco polo agasallo da Muqaddimah de Ibn Khaldun (مقدّمة ابن خلدون), un libro que dende os anos xa remotos da miña primeira carreira estaba na lista dos 'debe' para mercar...


sábado, março 07, 2015

Samuel Johnson e os sinsabores da docencia

"Este traballo foi moi aborrecido para el en tódolos aspectos, e laiouse enormemente del nas súas cartas ao seu amigo, o señor Hector, que agora exercía de cirurxán en Birmingham. As cartas perdéronse, mais o señor Hector lembra que lle escribira nelas que lle describira a monotonía aburrida da súa existencia coas verbas 'Vitam continet una dies' (un día contén o total da miña vida); que era tan invariable coma o canto do cuco; e que ignoraba se lle resultaba máis desagradable a el o esinar ou aos rapaces aprender as regras da gramática"

James Boswell, The Life of Samuel Johnson, LL.D.