sexta-feira, março 20, 2015

Reseñas - Los Jardines de Luz

Los Jardines de Luz

Amin Maalouf

1994, Editorial Círculo de Lectores

* * * * (bo)

Estupenda novela histórica sobre a vida do profeta Mani, fundador do maniqueísmo, e exemplo de sincretismo e de tolerancia.

Os Xardíns de Luz é unha das novelas históricas de Amin Maalouf, escritor libanés en lingua francesa e que amosa particular devoción polo xénero. En galego contamos con algún dos seus títulos, nomeadamente A Viaxe de Baldassare, a cuxa presentación, co autor de corpo presente, asistín uns anos atrás no salón de actos de filoloxía. Porén, o volume que hoxe nos ocupa aínda non foi traducido á língua de Rosalía.

Narra a novela a biografía de Mani, un persa que no século terceiro da nosa era fundou unha nova relixión, síntese do cristianismo, do budismo e do zoroastrismo e que polo nome do seu fundador foi coñecida como a Igrexa Maniquea, tendo singular fortuna durante séculos en oriente e occidente antes da súa desaparición e caída en esquecemento, alá polo século XIII.

Achádegos históricos e arqueolóxicos do século XX permitíronnos saber algo máis desta relixión e do seu fundador en primeira persoa, e non a través das polémicas dos seus adversarios. Precisamente, Maalouf baséase nun destes documentos recuperados, o Codex Manichaicus Coloniensis para esbozar a vida, entre a ficción e a historia, do profeta coxo e artista de renome.

A vida de Mani vaise desnovelando nunha serie de episodios en orde cronolóxica, comezando coa súa vida de neno nun palmeiral cos monxes ascetas da seita dos Elcesaites e continuando coa súa revelación (a través dun seu xemelgo espiritual, o syzygos), prédica inicial en Ctesifonte, capital do imperio Sasánida, viaxe á India, retorno a Ctesifonte e á corte dos Emperadores Sapor e Ormuz, que lle dan apoio e liberdade de predicación, e finalmente, as loitas contra él dos magos da igrexa oficial e o martirio de Mani baixo a éxida do Emperador Bahram.

Máis alá da biografía, mestura de ficción e realidade, do apóstolo parto, e  lendo entre liñas, podemos ver detrás do protagonista e a súa defensa da liberdade e da tolerancia a propia voz de Maalouf, nativo dun país multicultural, auténtica 'Suíza do Oriente Medio' que rematou desgarrada polos confictos étnicos e relixiosos dos diferentes fundamentalismos de turno. Unha voz e un brado que segue tendo a mesma actualidade hoxe que no século III.

Unha última nota para gabar a coidada edición de Círculo de Lectores, que fai que un estupendo contido se vista cun non menos aprezable continente cosido, de tapas duras e bo papel.

Sem comentários: