..., not many of them, but you do have them".
Tal é a frase que lle adica a princesa Leia a Han Solo nunha escea do Imperio Contraataca. Cólloa emprestada hoxe para me referir a un dos poucos passus, ou capítulos (concretamente o XVI) do poema inglés medieval Piers Plowman que resulta estéticamente interesante e non demasiado aburrido. É, defeito, a lectura que máis me está custando rematar da que teño memoria, ao mesmo nivel que o Hiperión de Hölderlin.
Vaia por diante que o mantedor é un friki habitual da literatura medieval, o que podería facer sorpresivas as dificultades de lectura que me está a provocar esta obriña, que mentalmente non podo deixar de comparar, negativamente, co Dante. Temos eiquí un longo e confuso poema alegórico sen unha clara trama aparente, agás da moi difusa pescuda de Verdade e Salvación por parte dunha personaxe anónima (máis adiante, e indirectamente, enterarémonos de que se chama William Langland). A personaxe cae durmida cada dous por tres, experimentando soños, visións e soños dentro de soños nos que, dun xeito repetitivo, monótono e heteroxéneo, vanlle aparecendo figuras alegóricas (a Santa Igrexa, a Conciencia, a Dama Estudo, o Clero, Pedro o Labrego, a Alma, a Paciencia...) máis secas que unha folla de bacallau, xa que case ningún nos presenta rasgos distintivos e propios, e que emiten longuísimos, interminables discursos non necesariamente relacionados co concepto que encarnan, e nos que con case predecible regularidade se critica a corrupción, o poder e o materialismo da igrexa da época -sobretodo no caso dos frades das ordes mendicantes. Polo medio hai tamén pequenos tableaux, esceas ou narracións alegóricas con algo máis de interese e valor estético, como a descripción inicial da 'Fermosa Chaira das Xentes', a fábula dos ratos, a prisión e xuízo da Dama Proveito ou a representación dos Sete Pecados Capitais.
A trama, dicimos, non parece avanzar nunca, xa que logo de encontro tras encontro con cada alegoría, un non ten a sensación de que as preguntas e respostas que se xeran sexan acumulativas e coerentes, e vaian xerando un extra de coñecemento que leve claramente á Verdade e Salvación que busca o protagonista. Esta é quizaves unha lectura severa, e certos críticos sí defenderían unha certa 'progresión', mais aínda admitindo que teñan razón, a tal progresión é unha escura noite da alma (e do lector) a través dun xardín de sendeiros que se bifurcan, de tal maneira que farían á obra merceredora de aprezo e inclusión no canon posmoderno como exemplo de escrita da différance do Derrida, que se a chega a atopar, adicaríalle de certo as súas boas dúas ou terceiras partes da Gramatoloxía. Noutra orde de cousas, tampouco axuda nada a língua en que está escrito o poema: unha versión enrevesada do inglés medio en verso aliterativo que fai parecer sinxelo e actual a Gonzalo de Berceo, e case intelixible sen transcripción moderna ao seu carón.
De todas maneiras, son consciente de que estou a ser inxusto coa obra, ao xulgala cuns parámetros que o autor e a sociedade que a crearon, de seguro, rexeitarían. Ningún dos dous entendería -ou aceptaría- a frivolidade da escrita cunha fín totalmente estética e allea ao didáctico-educativo; as preocupacións que inzan a obra (sobretodo, o porqué da aparente decadencia da sociedade cristiá medieval en vivir dacordo cos seus propios valores e idearios, ou o xeito correcto de enfrentarse á pobreza e á mendicidade) ou non son as nosas, ou xa non teñen urxencia ou xa recibiron respostas, satisfactorias ou non. Porén, e como lector actual, non podo menos que pensar no proveito intectual e artístico que lle saco a esta lectura, e alén dun maior coñecemento da mentalidade, o estilo, a linguaxe e as preocupacións da Inglaterra do século XIV, non lle saco moito.
Dito iso, a obra ten os seus momentos. Por iso recomendo ao curioso como introducción a lectura do passus XVI, no que autor decide deixar de lado (e para ben) os discursos longuísimos, e presenta unha serie de alegorías visuais efectivas, breves e doadas de entender: a Árbore da Caridade, que medra no xardín dos nosos corazóns; os tres piares que a soportan e que a defenden dos Tres Inimigos (o Mundo, o Diaño e a Carne), e que representan ás 3 figuras da Trinidade; os froitos da Árbore (matrimonio, castidade e virxindade), que cómicamente rouba o demo cando caen, e que transmutan entón nas almas dos xustos que viviron antes do Mesías e que por iso deben agardar no Limbo a súa chegada; a imaxe de Cristo como un cabaleiro da época, que loita nunha 'xusta' no Calvario contra o demo; ou ao remate, o encontro con Abrahám / a Fé, que segue explicando con símiles a Trinidade, asociándoa ao matrimonio. De gorentarche o que liches, podes seguir adiante e xustar ti tamén, coma Cristo co Demo, co poema enteiro.