terça-feira, setembro 08, 2015

Sir Terry - to read or not to read?

Recentemente saiu unha crítica moi criticada no Guardian, a cargo de Jonathan Jones, que podedes ler eiquí. Resumindo, o que ven a dicir é que na súa opinión, o finado Terry Pratchett é un sobrevalorado autor mediocre de bestsellers, que o rebumbio polo seu pasamento foi moito maior que o que seguiu á marcha de Günter Grass ou de García Márquez "verdadeiros titáns da novela", que na sociedade posmoderna en que vivimos se desdibuxan impunemente as fronteiras entre o éxito pecuniario/popularidade e a grandeza literaria, e que a vida é breve de máis para ler potboilers cando hai tantos clásicos aos que nunca daremos chegado por unha cuestión cronolóxico-vital. 

Porén, obviando o pésimo gusto de falar mal dos mortos e a miña persoal e coñecida devoción polas novelas do Mundodisco, o certo é que podo empatizar coa maior parte dos argumentos do señor Jones, anque non con algunhas das súas conclusións, ou a reviravolta pedante coa que se gaba de non ter máis que folleado algunha novela de Pratchett, e de non necesitar máis para emitir o seu xuízo de valor. 

Pódese emitir un xuízo sobre un autor e unha obra con tan pouco input de lectura? Un tendería a dicir que non, que é arrogante, simplista e cómodo. No caso que nos ocupa, Sir Terry ten unha producción de case medio cento de exemplares, entre os que hai diferentes grados, madurez, cualidades e calidades estéticas. O cal non quita para que, aplastados polas montañas de papel que se publican, moitas veces teñamos que guiarnos por criterios indirectos e autoridades para escoller o que ler. Son este tipo de criterios os que me levan a mín, por exemplo, a rexeitar de antemán adicarlle tempo á 'Casa de la Troya', de Pérez Lugín, ás múltiples sombras de Grey ou á poesía española do XVIII. Mais sería intelectualmente deshonesto que escribise unha crítica publica e censura publicada destas obras sen antes pasar polo case seguro calvario da súa lectura previa.

Sen dúbida podo aceptar o argumento, digamos, 'altocultural' de Jones: que existe a Literatura con l maiúscula, composta de obras 'clásicas' de grande complexidade formal e conceptual e calidade estética, de lectura non sempre sinxela, e que atesouran a potencialidade de ampliar os nosos horizontes morais, intelectuais e históricos; que as tales 'grandes obras' son pouco lidas e menos aprezadas na sociedade de consumo tardocapitalista, xa sexa dende a dereita (apoiándose nun utilitarismo tosco, no libre mercado e na conversión da lectura nun mero ocio mol, opiáceo sinxelo e pouco esixente) ou dende a esquerda (apoiándose no rexeitamento aos valores ideolóxicos evidentes ou soterrados dos 'homes brancos mortos' que compoñen a maioría do canon). Mais aceptar este argumento segue sen implicar un acordo á súa peculiar cruzada anti-Pratchett. O porqué, razoarémolo na seguinte entrada (ou entradas).

Sem comentários: