sábado, outubro 24, 2015

Historias de la Frivolidad

Tal é o título dun programa especial da televisión española do ano 1967 e realizado por Narciso Ibáñez Serrador co gallo de 'tentar  limpar' a pésima imaxe exterior que o réxime franquista proxectaba naquelas datas. Porén a película (que no comezo ía chamarse 'Historias de la censura') resultou ser demasiado atrevida para os censores da TVE, que alén de mudarlle nome, conseguiron que se proxectara tan só ás tantas da madrugada e logo da emisión do himno nacional que preludiaba a fin de emisión.


Collo emprestada a obra e o sketch que vos amosei como escusa para latricar un chisco sobre a 'outra censura' que, máis sutil e insidiosa, topamos tamén nas nosas sociedades democráticas. É que dentro da miña experiencia xornalística, houbo veces que me topei con ela non só nas súas variantes interiorizadas, senón nas externas, tendo que facer modificacións de textos ou incluso velos rexeitados para a publicación.

Porén, tampouco sería honesto presentar estes sucesos no seo dunha narrativa de branco-negro, co heroico escritor enfrontándose ao malvado sistema opresor. Así, cando traballamos para un medio informativo, non podemos alegar descoñecemento da liña editorial (e polo tanto, ideolóxica) do tal medio, ou das súas dependencias económicas que determinan o que se pode e debe dicir dende as súas páxinas. Ao aceptar traballar na radio/televisión/xornal de turno, asinamos implícitamente un pacto mefistofélico de tinta, que non de sangue, e as boas palabras e idealismos arredor da liberdade de expresión e o dereito á información fican arrombadas cos trastos vellos dun faiado metafórico.

Mais voltando á miña experiencia persoal, o caso é que as sorpresas para mín viñeron máis do que me permitiron colar pola porta traseira que daquelas ocasións nas que pairou sobre min o gume da tesoira. Como mostra, podedes reler o derradeiro parágrafo da miña reseña publicada da obra completa de Lois Pereiro, con dardos envelenados explícitos e, non por verdadeiros menos evidentes, ás políticas lingüicidas da Xunta.

En futuras 'historias da frivolidade' habemos falar dalgúns destes episodios, e de como o Mantedor conseguiu eludir, ou non os esforzos da olladela panóptica. E cando caeron os veos de chumbo, habemos rescatar e anotar brevemente as escritas proibidas.

Sem comentários: