domingo, janeiro 31, 2016

Libros do Mes

The One World Schoolhouse de Salman Khan [E]

Pan Chao de Nancy Lee Swann

*Seven Myths about Education de Daisy Christodoulou [E]

*Archaeologies of the Future de Fredric Jameson

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

segunda-feira, janeiro 25, 2016

Mitos educativos

"Os sete mitos que teño identificados son os seguintes:

1) os coñecementos impiden a comprensión
2) a instrucción dirixida polo profesor é pasiva
3) o século XXI cámbiao todo
4) sempre podes consultar a información
5) debemos ensinar destrezas transferibles
6) os proxectos e as habilidades son os mellores xeitos de aprender
7) ensinar coñecementos é adoutrinar

Tomados en conxunto, algúns dirían que estes mitos son exemplos da 'educación progresista'. Eu rexeito esta lapela. En primeiro lugar, non hai nada progresista nos mitos. En segundo lugar, como amoso no capítulo 7, nunca houbo acordo e unanimidade entre os progresistas arredor destas ideas. En terceiro lugar, a palabra 'progresista' implica novidade e orixinalidade, e non hai nada novo nestas ideas, que levan en circulación dende fai décadas, ou ás veces máis. O progreso que estamos a acadar coa descuberta dos xeitos reais a través dos cales aprenden os humanos está, de feito, a refutar estas ideas.

Se tivera que sintetizar nunha palabra ou frase a lóxica intelectual detrás destes mitos, entón preferiría empregar o termo 'formalismo educativo', xa que moitos destes mitos teñen como punto de partida a idea de que a forma é máis importante que o contido. Se tivese que pescudar as bases intelectuais que os fundamentan, entón escollería o posmodernismo, non o progresismo. O posmodernismo é escéptico encol do valor da verdade e do coñecemento, e moitos destes mitos teñen na raíz un escepticismo profundo arredor do valor do coñecemento. É por esta razón que comezo cos mitos 1 (os coñecementos impiden a comprensión) e 2 (a instrucción dirixida polo profesor é pasiva). Poderíase dicir que estes dous son os piares fundamentais de tódolos demais que se descreben no libro. Teñen un longo pedigrí e fornecen a xustificación teórica de moito do que ten lugar nas escolas. Os seguintes dous mitos (que o século XXI mudou todo de xeito fundamental, e que sempre podes consultar a información) son, en esencia, xustificacións modernas do mito 1. O mito 5 (debemos ensinar destrezas) é outra xustificación para non transmitir coñecementos. O mito 6 ten que ver coa pedagoxía: suxire xeitos de organizar a aula que reducen a transmisión do coñecemento; o mito final relaciónase cos aspectos políticos do coñecemento: suxire que a ensinanza de coñecementos é realmente un mero 'lavado de cerebro'. Tomados en conxunto, todos estes mitos danan severamente a educación dos nosos alumnos".

Daisy Christodoulou, Seven Myths about Education

segunda-feira, janeiro 11, 2016

The Three Magi

Unha das cousas para as que a aproveito as vacacións de Nadal é para facer unha pequena reunión cos bos e vellos amigos Javier Rodríguez, Pablo Varela e David Fernández; alén de intercambiar lembranzas, anécdotas e humoradas varias, tamén nos agasallamos libros, co que estos tres se converten nos meus reis magos particulares. Porén, as nosas xuntanzas soen coincidir co Día dos Inocentes, o que tamén da que pensar...

Coincidindo cos seus gustos, carácter e ideas, David, o 'vello bolxevique' engadiu aos meus estantes dous volumes de Mike Davis, un xeógrafo e urbanista marxistón-apocalíptico, que me virán moi ben para a tese; Pablo, o 'nutty professor' e bo coñecedor da banda deseñada, tráeme o célebre cómic arxentino 'El Eternauta'. Javier, o noso literario e clasicista Saulo de Tarso amojamado na estepa castelá, preséntame as reflexións de Stefan Zweig encol de Dostoievski, Balzac e Dickens...




sábado, janeiro 09, 2016

New Year Resolutions

É algo do que estou falando cos alumnos; e no meu caso persoal, alén da consabida promesa de perder algo de peso este ano, propúxenme algo máis innovador, e que en realidade levo facendo silandeiramente dende uns meses atrás: refrescar o meu coñecemento matemático e físico, sendo quen de volver a realizar as operacións que levaba a cabo no bacharelato, e quizaves ir un pouco máis alá; agora teño o interese, a falta de presión e a madurez que me faltaba daquela, e xa que teño un esaxerado (ao ver dalgúns colegas) respecto e veneración polas ciencias 'duras', ben está que me familiarice con elas mellor - e no fondo, estoulle tamén a facer caso ao sermón de C.P. Snow que lín recentemente.

Ferramenta tremendamente útil e didáctica neste proceso foi a Khan Academy, unha estupenda e ben plantexada iniciativa dixital de docencia e axuda para as mates que recomendo, e que me gorentou tanto que boto unha media dun par de horas tódolos días nas súas páxinas; de moito interese son tamén as reflexións en formato libro do seu fundador, Sal Khan.