segunda-feira, janeiro 25, 2016

Mitos educativos

"Os sete mitos que teño identificados son os seguintes:

1) os coñecementos impiden a comprensión
2) a instrucción dirixida polo profesor é pasiva
3) o século XXI cámbiao todo
4) sempre podes consultar a información
5) debemos ensinar destrezas transferibles
6) os proxectos e as habilidades son os mellores xeitos de aprender
7) ensinar coñecementos é adoutrinar

Tomados en conxunto, algúns dirían que estes mitos son exemplos da 'educación progresista'. Eu rexeito esta lapela. En primeiro lugar, non hai nada progresista nos mitos. En segundo lugar, como amoso no capítulo 7, nunca houbo acordo e unanimidade entre os progresistas arredor destas ideas. En terceiro lugar, a palabra 'progresista' implica novidade e orixinalidade, e non hai nada novo nestas ideas, que levan en circulación dende fai décadas, ou ás veces máis. O progreso que estamos a acadar coa descuberta dos xeitos reais a través dos cales aprenden os humanos está, de feito, a refutar estas ideas.

Se tivera que sintetizar nunha palabra ou frase a lóxica intelectual detrás destes mitos, entón preferiría empregar o termo 'formalismo educativo', xa que moitos destes mitos teñen como punto de partida a idea de que a forma é máis importante que o contido. Se tivese que pescudar as bases intelectuais que os fundamentan, entón escollería o posmodernismo, non o progresismo. O posmodernismo é escéptico encol do valor da verdade e do coñecemento, e moitos destes mitos teñen na raíz un escepticismo profundo arredor do valor do coñecemento. É por esta razón que comezo cos mitos 1 (os coñecementos impiden a comprensión) e 2 (a instrucción dirixida polo profesor é pasiva). Poderíase dicir que estes dous son os piares fundamentais de tódolos demais que se descreben no libro. Teñen un longo pedigrí e fornecen a xustificación teórica de moito do que ten lugar nas escolas. Os seguintes dous mitos (que o século XXI mudou todo de xeito fundamental, e que sempre podes consultar a información) son, en esencia, xustificacións modernas do mito 1. O mito 5 (debemos ensinar destrezas) é outra xustificación para non transmitir coñecementos. O mito 6 ten que ver coa pedagoxía: suxire xeitos de organizar a aula que reducen a transmisión do coñecemento; o mito final relaciónase cos aspectos políticos do coñecemento: suxire que a ensinanza de coñecementos é realmente un mero 'lavado de cerebro'. Tomados en conxunto, todos estes mitos danan severamente a educación dos nosos alumnos".

Daisy Christodoulou, Seven Myths about Education

Sem comentários: