"Imaxinemos a un veciño de Lyon, Lugdunum, no século IV da nosa era, que viaxa. Onde comeza para el a sensación de estrañamento total? En Roma atópase como na casa; en Gades da Bética, tamén, e o mesmo en Cartago. Se pertence á aristocracia senatorial, é probábel que teña fincas en Grecia ou Asia Menor. Non é ningún intruso nos ambientes cultos de Antioquía ou Alexandría. Mais se cruza o Rhin ou o Danubio, está en terra de bárbaros. Todo é estraño para el.
Imaxinemos agora a un veciño de Lyon a comezos do século IX. Xa non se topa coma na casa, para nada, en Cartago, cuxas ruínas están en poder dos árabes, inimigos da Cruz. Tampouco está como na casa en Gades, que forma parte do califato (sic) de Córdoba. En Atenas, Constantinopla, Nicea, e moito máis perto, Ravena, atópase co Imperio de Oriente, terra de cismáticos que falan grego e teñen usos e costumes moi diferentes dos seus. En Alexandría volve a estar en terra de árabes. Mais se vai a Münster, a Osnabrück, a Bremen xunto ao Weser, a Magdeburgo a carón do Elba, a Wurzburgo xunto ao Main, está como na súa casa, anque non fale a língua popular, a lingua vulgar dos habitantes deste país. Mais fala cos sabios, que parolan no mesmo latín ca el (...). Se entra nunha eirexa pode cumprir cos seus deberes relixiosos con facilidade. En Magdeburgo din a misa igual que en Lyon (...). Non só o credo, os mandamentos morais tamén son os mesmos.
Lucien Fevbre, Europa, xénese dunha civilización
Sem comentários:
Enviar um comentário