Desfollo a árbore da memoria coa canícula do oitavo ano que levaba en Compostela. O 2005/2006 fora un curso solitario e de moitos cambios: a maioría dos colegas comparistas e da carreira estaban de Erasmus polo estranxeiro (eu mesmo estivera a piques de rematar en Roehampton), e o meu familiar tobo e comuna informal do Colectivo Sacou, en Montero Ríos 37, tivo que ser substituído por un pisiño unhas rúas máis adiante, en Xeneral Pardiñas, ao que se ascendía por unha estreitísima escaleira de madeira deseñada nos pesadelos de Escher; compartía as súas paredes cun estudante digno dunha película de terror estadounidense: endexamais saía do seu cuarto, do que saía un cheiro desagradábel e misterioso; ou non tan misterioso, agora que o penso, xa que nunca lle escoitei empregar a ducha nen a cociña; toparíao no vestíbulo un par de veces como moito.
Alén do seu cangrexo ermitán, o apartamento non tiña moito do que vos poida falar: era bastante pequeno, cunha cociña sen forno -o meu odio aos microondas naceu alí o día que tentei facer unha pizza nunha desas máquinas do demo-, un dormitorio onde pasaba a maior parte do tempo, lendo, e unha minúscula sala de estar con televexo onde disfrutaba os capítulos de House MD e as novas de canles estranxeiras en inglés (BBC, CNN).
Botando a maior parte do meu tempo fóra da cova céltica, lembro que cultivaba o hábito de saír a correr tódalas noites que non chovía, facendo un percorrido de varias voltas arredor da Alameda e logo outro máis grande, Galeras arriba, ata Filoloxía, a costa de Vite e baixando por Xoán XXIII; un hábito que comecei practicando con Javier Rodríguez, 'Panero', co que intimei bastante naquel tempo de melancolías, longas conversas encol da vida e a literatura, visionado de películas e xogos vintage de computador (KGB, Centurion: Defender of Rome). Saídas nocturnas tamén, facendo o ganso e con pouco aproveitamento na tebra compostelá.
Outro escravo da escuridade, coa que estreitara lazos naquel tempo fora Tomás, alias 'Tom Bombadil', alias 'o Jebi', alias 'o tolo galaico-finés de clásicas', logo reconvertido en editor e escritor e agora autoexiliado nas Illas Afortunadas. Compañeiro das noites santiaguesas no Serea, mítico pub Independentista-Heavy Metal, e dos días en partidas e asociacións roleiras (Casco Vello, As Crónicas de Gaidil, Runequest) cuxo influxo ía infiltrándose paseniñamente nalgunha das entradas de Xuño do 06....
Eran aqueles tamén os días que coincidía con Cecilia na fonoteca de xornalismo, á espreita da boa música (dende as óperas barrocas a David Bowie) e da que facía de patrona, tirando máis ben cara Cécile Fatiman, a rebelde do Bwa Kayiman do que á virxe e mártir romana? Sospeito que sí, mais eillo preguntar algunha das xornadas futuras cando aproveite para festexar con ela a súa recente entrada no mandarinato...