quinta-feira, agosto 24, 2017

O Vernero que foi: Xullo/Agosto '06

Unha das cousas nas que me ocupaba no verán do 2006 era a lectura do Pericles de Shakespeare; hoxe, coma onte, considéroa unha das obras menos interesantes do cisne de Avon, anque peneirando nas augas dun cauce aurífero, sempre topa un pepitas de ouro. No caso do Pericles, unha escea inicial pinta cabezas cortadas decorando muros ("as yon grim heads do testify"). Na edición que gasto -o Norton Shakespeare- ven unha ilustración do trasunto real desta imaxe: na Inglaterra Isabelina (e na anterior tamén) era moeda corrente o de pendurar as cabezas dos traidores en picas enriba dunha das portas que daba acceso á Ponte de Londres. Séculos despois, George RR Martin faría bo uso desta macabra tradición para ilustrar a xubilación de Ned Stark e o mal gusto de el-rei Joffrey.


Á marxe das cabezas, a mesma Ponte de Londres é un espazo fascinante, parte dun imaxinario irreal de cidades postas enriba das pontes no que me introduciu, como en tantas outras cousas, o novelista de ciencia-ficción norteamericano William Gibson. Sempre ocupado en recrear terras libertarias reais ou virtuais onde 'os de abaixo' acaban organizándose nun caos ética e estéticamente interesante, a súa triloxía da Ponte recrea un futuro distópico onde o Golden Gate transmutou nun espazo anarquizante con gotas de Blade Runner, Hong Kong (sobretodo a Cidade Amurallada de Kowloon) e Zona Temporalmente Autónoma de Hakim Bey.

Uns séculos antes, a Ponte de Londres organizábase coma distrito autónomo, cheo de excéntricas construccións por riba dela que facían o tránsito estremadamente difícil: unha capela á memoria de Thomas Becket, 138 tendas, unha letrina pública e a primeira casa prefabricada da historia: a Nonesuch House ('Casa sen igual'), construída en Holanda en 1578 e montada de novo na capital inglesa para esta precisa localización.




Entre as miñas moitas lecturas pendentes está precisamente unha historia da vella ponte que escribiu Patricia Pierce, e que ha caer algún verán destes...



Sem comentários: