A caída da folla do 2006 daba comezo ao meu derradeiro ano de estudante en Compostela, logo da acumulación dun longo carreiro de follaxe seca; do pequeno tobo do curso previo mudárame a un piso moito mellor situado para os meus estudos filolóxicos, na rúa de Vista Alegre, convenientemente próximo tamén a un par de bares enxebres (Mariñeiro, Mesón do Pulpo) onde comer de cando en cando. O novo local era bastante amplo en habitacións e sala de estar, coa única pexa da cociña, algo diminuta, e o carácter algo destartalado do mobiliario. Compartía o espazo cun dos poetas comparatistas, Noel, e a convivencia diaria víase acompañada de longos debates e entretidas discusións, acompañadas de fondo con boa música (Mourelle, se les isto, aínda has ter os cedés que escoitabamos e que copiaba aos poucos da fonoteca universitaria: Miles Davis, Bach, Kraftwerk, David Bowie, Monteverdi e o Pierrot Lunaire de Schoenberg eran convidados habituais).
Nas lecturas de comezo de curso lembro sinaladamente biografías de Stalin e da Revolución Rusa (Montefiore, Figes), que sempre fan as miñas delicias; tamén algo de Lyotard ou o volume sobre banda deseñada de Scott McCloud.
Na facultade, alén das tristezas e frustracións habituais, había o nostoi, ou retorno dos Erasmus, e moi poucas asignaturas comúns: poucas materias ficaban por superar, a maioría troncais e obrigatorias do último curso, como as dúas gramáticas inglesas, algo menos aborrecíbeis que a primeira...
Despegaba tamén no 2006 a miña compra de libros por internet, algo que agora me/nos resulta tan habitual que esquecemos o que significaba pillar libros en inglés con anterioridade (prácticamente imposíbel, con escasos e caros paperbacks no fondo de Follas Novas e pouco máis). Naqueles días chegábame unha edición moi asequíbel do Libro dos Pasaxes, de Walter Benjamin, e outra (que tamén pillei para o meu compañeiro de piso) da Grammatology de Derrida; alén da posmodernallada, moitos libros sobre teatro e cine soviéticos, un par deles de Jüri Talvet e unha presada de volumes para o que xa era a miña proto-tese: Philip K. Dick, William Gibson, estudos encol de Matrix, Baudrillard, Zizek...