Eis o último dos chutneys que fixera nos días folgados de dous anos atrás; nunca fun moi fan dos cabaciños, para mín a quintaesencia da comida san e de dieta: insipida e acuosa, moito mastigar e pouco saborear. O malo é que os condenados danse de vicio, e algo hai que facer con elas. Dado que zugan como esponxas o sabor do que lle botes, algúns empréganos en tortas e biscoitos. Logo de moito buscar unha receita de chutney para eles 'con algo poderoso' que lle metese algo de gusto, topei unha con cervexa negra e fixen a proba...
Por suposto, alén dos dous ingredientes mencionados, había unha boa manchea de aromáticos, allo, xenxibre... o resultado foi o máis escuro e acastañado de todos estes prebes; o sabor segue sendo bastante suave, tirando ao doce.
Ten o apto, anque este ano creo que vou probar cousas máis exóticas, con froitas e herbas aromáticas. E en menor cantidade: aínda teño moitos frascos na despensa coas coccións do verán do 2015...
Sem comentários:
Enviar um comentário