Lendo estes días sobre a seita pitagórica, non deixa de chamarme poderosamente a atención un feito que xa sabía, mais que a veces non interiorizamos, a saber, o grado de sincretismo entre o cristianismo primitivo e a cultura greco-latina. Se ben é certo que ésta era (pace Gibbon) unha civilización social e urbá, volcada na polis, xa no seu xérmolo presentaba o modelo do monacato e da 'retirada do mundo' medievais nas prácticas dos seguidores de Pitágoras e doutros filósofos helenistas. E non só na praxe (ascetismo, comunidade de bens, regra), senón tamén na teoría: o elo que vai do pensador de Samos a Platón e as escolas epicúreas, estoicas e neoplatónicas comparte en xeral a crenza na trascendencia, na inmortalidade da alma e nun mundo supraterreal e perfeito ao que retornar, logo dunha misteriosa caída, mediante esforzo físico e intelectual (entre os textos conservados, é Platón o que mellor mitoloxiza este devir negativo da alma, presa no corpo).
Saulo de Tarso soe citarse coma a figura fundamental que dado o seu carácter amfíbio (xudeu e estudante rabínico de Gamaliel, ao tempo que cidadán romano fluído en grego) posibilitou o salto -iso sí, dentro dun contexto receptivo - dunha seita mesiánica xudea á relixión universal do mundo helenístico, mais a sincretización procedeu despois a bo ritmo; pensaba tamén esta mañá nas diferenzas entre a menor helenización do xudaísmo nun terreo coma o do mito da caída; os cristiáns, da man de Agostiño de Hipona e da tradición denantes mencionada, converten a narración bíblica do Edén nun feito trascendental, o 'pecado orixinal' e a caída do estado de gracia que só se redime, en primeiro lugar, co sacrificio de Cristo, e logo coa nosa praxe (esforzo físico e intelectual, anque guiado pola Gracia). Pola contra, dentro do Xudaísmo, o episodio de Adán e Eva, e á marxe de funcións mitoloxizantes básicas (mito das orixes, explicación da morte e da dualidade sexual da especie) leuse de xeito menos traumático coma un primeiro exemplo dunha pauta recorrente: a do pauto entre Deus e os homes (sinaladamente, o Pobo Elixido), pauto que a nosa parte contratante acaba rachando e sendo castigada por iso, e seguindo cunha reedición do contrato (Abrahám, Isaac, Xacobe, Moisés, David...).