quinta-feira, janeiro 25, 2018

O Vernero que foi: Xaneiro '07

Na novela de Michael Moorcock 'The King of the Swords' -parte da primeira triloxía adicada ao Príncipe Corum Jhaelen Irsei- fai acto de presenza unha brétema maligna, the Cloud of Contention, que motiva sentimentos depresivos e homicidas nos que a perceben. Fitando atrás ás miñas vellas entradas do mes de Xano, cavilo en que eu mesmo estaba daquela no seu de tan perniciosa nube -not every cloud has a silver lining.

2007 ía ser un ano de peches e despedidas. Finaría con el a miña longa estadía en Compostela; finaría tamén o contacto co grupo de poetas 'comparatistas' cos que fixera boas migas nos anos anteriores, e que estaban a piques de dispersarse por Europa e os Estados Unidos a continuar carreiras académicas e literarias ás que non lles vían ningún futuro no noso país. Moitas longas xornadas e parolas dese inverno (e primavera, e verán...) desnovelaron conversas interminábeis nas que algúns deles tentaban persuadirme a seguilos nas súas Odiseas, a escapar dun futuro profesional e persoal coma docente de secundaria que eles vían acorante e estéril illa, na mellor liña de James Joyce e as súas tenebrosas lecturas da Irlanda natal. 

A calixe e o fuscallo tinxían tamén as miserias da miña vida persoal e afectiva, a amarga copa de absinta que gulapeaba grolo a grolo mentres as Fadas Verdes esluían e escapaban diante dos meus ollos etílicamente alucinados, para logo condensar en tristísimos textos literarios.

Os finais teñen un regusto agre, levan diante da Porta dos Novos Camiños que Están por Vir. Sen sabelo daquela, no 2007 finaba unha etapa valiosa e formativa, anque infeliz, que acabaría por confluír nun presente que puido encher os baleiros e pechar ocos, feridas e temores laborais e sentimentais que me perseguían -Santa Compaña- daquela.

Sem comentários: