sexta-feira, agosto 10, 2018

O Vernero que foi - Agosto '07

Na primeira metade de agosto seguía o meu periplo por terras estonias, con pequenas menas de satisfacción no medio da densa ganga de frustracións e incomodidades. Entre as primeiras estivo o visionado da película dos Simpsons en versión orixinal subtitulada, co acompañamento dunha botella de gaseerimata vesi, o paseo turístico pola cidade vella de Tallinn, a compaña de Reda e un instante máxico de satori baixo unha chuvia de verán, camiño da casa, fitando a un porcoespiño cruzando a estrada. O cansazo físico e intelectual das viaxes secaría a miña escrita virtual logo de mediados do mes.
Imaxino que ese ano non asistín ao que para daquela xa era un dos meus rituais, interrompido nos últimos anos: a asistencia ás Viñetas desde o Atlántico, o festival de cómic que se leva celebrando dende 1998 na Coruña. Non estou no certo de se asistín á primeirísima edición, anque seguramente sí á segunda e/ou terceira, cando aproveitaba para facer a longa viaxe na compaña de Daniel Sóñora, Rafa e Antón entre outros, parte da tribo friki e aficionada á banda deseñada de ex-alumnos do Virxe do Mar. Sí lembro a primeira visita con enorme e sorprendente claridade, incluíndo o percorrido por librarías de segunda man (algúns exemplares dos meus anaqueis datan daquela) e estar parolando na derradeira sala do Kiosko Alfonso, que daquela era espazo suficiente para toda a exposición. Tempo despois, e logo dalgún hiato, a visita tornou excusa do verán para que algúns membros do Colectivo Sacou botasen un día xuntos na cidade do faro, malia a falta de interese na novena arte da maioría dos asistentes (compensada, alén de pola compaña, cos casetos da feira do libro vello que soen coincidir polas mesmas datas). Dunha das últimas visitas con Manuel e Ramón lembro máis ben retallos soltos, pequenas menas de satisfacción no medio da ganga de fondo das viñetas: as parolas tranquilas nunha tetería, a mostra adicada a Drácula nun dos museos, a inxesta de xelados, ou a visita e compra en librarías de primeira e segunda man... Sería bo que tirasemos fotos para non ter sempre que recorrer á axuda sempre deficitaria da memoria.

Sem comentários: