Anque aínda non listaba os libros que lía cada mes, a lectura diagonal das entradas do comezo do 2008 fai de efectiva aide-mémoire: engulía, e disfrutaba moito, da Gloriana de Moorcock, unha ben forxada e ben curiosa peza, homenaxe, tocata e fuga de Mervyn Peake e da Faerie Queene de Spencer; tema/teima máis tenebrosa a de Ravensbrück, de Jack G. Morrison, encol das terríbeis condicións das presas deste campo de concentración alemán; de mulleres valentes tamén, e de parodia/imitación de Shakespeare, ía o Wyrd Sisters de Pratchett (R.I.P.). Dentro das lecturas académicas só albisco o Hypertext de George Landow, o primeiro dunha presada de textos posmodernos cos que ía preparando unha ponencia sobre 'cibercidades' para o Urbes Europaeae dese ano.
Xa vos falei de cómo, no decembro do 2006, fora convidado a asistir a unhas xornadas de literatura e cidade na Universidade de Kiel; tratábase dun proxecto europeo que continuaría con varios episodios máis, e na miña segunda quenda (París 2008) ía ter que preparar e presentar ponencia propia. Cavilando sobre qué facer, lembro propoñerlle (quizaves neste xaneiro que agora lembro?) ao profesor Abuín algo sobre a imaxe literaria de Compostela en Ferreiro, Risco e Pedrayo (non facía moito que rematara 'A Tecedeira de Bonaval' e tiña nas máns o risquián 'Dedalus en Compostela'); porén, as suxerencias do meu cicerone ían por outros eidos, e recomendoume facer algo sobre 'cibercidades'. Malpocado de mín, que xamais escoitara semellante palabro, nen tiña moito idea de a qué podía referirse! Mais coma sempre fun moi amigo da cita de Roosevelt (o do garrote) que dí aquilo de 'cando che pregunten se sabes facer algo dí que sí e ocúpate rápido de aprender a facelo', aceptei o reto e encarguei un libro por internet que lería nun chispás e que me resultou útil, elocuente e divertente: Cybercities, de M. Christine Boyer, ao que habían de seguirlle nos meses seguintes The Cybercities Reader de Stephen Graham, Internet Culture de David Porter, Postmodern Geographies de E. Soja, Cyberpunk and Cyberculture de Dani Cavallaro, Terminal Identities, de Scott Bukatman e moitos máis que habían de confluír no meu artigo/presentación Mapping the Unmappable’: Giro espacial, ciudad posmoderna, Ciberciudad, e que xerou o meu primeiro powerpoint (mais diso xa falaremos noutra xornada...).
Sem comentários:
Enviar um comentário