Botando o ollar sobre a entrada única de 11 anos atrás, vexo que se me colou un erro na que vos escribira sobre xuño do 2008: a presentación do libro de David Souto coincidiu coas datas caniculares en que visitaba o IES As Lagoas de Auria para un primeiro e infructuoso asalto ao mandarinato inferior do xa que vos falei, entre outros lados, eiquí; pouco máis cabe contar, e menos lembro, daqueles días.
Nese verán verquía Steiner algunhas verbas acedas sobre las letras galaicas e euskaldunas, anque quizaves entendíbeis dada a súa postura de cosmopolita desarraigado e cultureta, e pouco amigo dos localismos. O que máis me fai cavilar, porén, son as miñas fortes afinidades con case todas as verbas da súa entrevista, e a sensación de que, de ter nado nunha cultura hexemónica, ía ser moi difícil que eu vencese os prexuízos steineriáns.
Verquía eu tamén o meu ollos encol das páxinas do Mediterráneo e o Mundo Mediterráneo en tempos de Felipe II, a magna opus de Braudel que mercara (pero non lera) nos anos universitarios, e que me sorprendeu pola súa lexibilidade, habida conta da miña natural hostilidade cara a xeografía e a historia económica. Tempo longo de agarda, anque non tanto coma a súa longue durée; outros libros mercados daquela agardan pacientemente no soño dos xustos: a Historia do Estado Bizantino de Ostrogorsky, a Guerra Civil Española de Thomas, os Reis Taumaturgos de Bloch, o Conde-Duque de Olivares de Elliott...
Sem comentários:
Enviar um comentário