sábado, fevereiro 29, 2020

O Vernero que foi - Febreiro '09

Botando a ollada atrás, o que máis me chama a atención das entradas do mes da Lupercalia é o meu interese por intelectuais en estremos opostos do arco cromático da política: o doutor Goebbels e Nikolai Bukharin. Deixando de lado o moito que os separa, mesmamente na relevancia e valía especulativa -o alemán é un pigmeo a carón do ruso-, sospeito que o elo que os une no meu maxín, daquela e agora, é a súa voluntaria suspensión da racionalidade perante a Causa e o Grande Líder. Éste é un pecado, unha trahison des clercs, á que son moi dadas as persoas da intelligentsia (o que vos escreve estas liñas estivo nesa poza de cheo). Facendo unha interpretación psicoanálitica (unha pseudociencia na que, polo demais, descreo cordialmente), diría que no fragmentado e incerto mundo da Modernidade, moitos pensadores botaban (botamos!) de menos un asideiro firme que permita construír un fortín contra as relatividades e as dúbidas: These fragments have I shored against my ruins, ou quizaves pensemos nun estadio mental de non-superación daquel mundo reconfortante da infancia onde as cousas son brancas e negras, e os problemas complexos teñen solucións doadas. Sospeito que a maioría dos adultos non espertan deste soño dogmático, e os escritores e filósofos non son tampouco excepción.

Na lealdade ata o derradeiro intre do coxo de Rheydt, ou no sacrificio pola causa do Rubashov de Koestler (trasunto apenas velado do 'fillo predilecto do partido') hai unha luz de nobreza, mais tal luminaria encaixa mal coa vileza dos patróns polos que se sacrifican: o pintor de brocha gorda e o caucasiano do Kremlin respectivamente. Moito mellor neste senso a ofrenda corporal dos mártires cristiáns, que alomenos agardaban recompensa de eternidade no alén e haxiografías e mosaicos dourados desta beira do Leteo. O Moloch totalitario moderno non só devora aos seus fillos, senón que, coma ben reflexionaba Orwell, busca destruír toda traza da súa existencia, e facelos morrer coma bos conversos que aplauden gorentosamente a súa propia eliminación.

Naqueles días ofrecía tamén recompensa de orellas ao que satisfixeran certo meme larpeiro. Penso que non se fixo o pago pertinente, ou sexa que se o gañador/a aínda len estas liñas, están a tempo de reclamar os intereses. Eis unha mostra que fixemos un par de semanas atrás.


1 comentário:

Anónimo disse...

O meme larpeiro!! Eu sorteara unhas violetas, que son uns carameliños típicos de Madrid. Tamén fora o orgulloso gañador dunha botella de vinho verde que nunca chegou, talvez confiscada nas alfândegas tudenses da memoria do ofrecedor.

Unha aperta nostálxica.

Uberich